Afianzar as relacións con Iberoamérica para internacionalizar a economía e o turismo

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu a 15 mozos de Arxentina, Chile, Colombia, Ecuador, México, Perú e Nicaragua, que participan este ano no IV Programa de Liderado Iberoamericano da Fundación VI para afianzar os lazos entre España e Iberoamérica dando a coñecer a historia, a cultura e as institucións españolas.

Jesús Gamallo destacou a aposta da Xunta por continuar a afianzar as relacións con Iberoamérica desde o punto de vista económico e incluíndo un sector tan importante para a reactivación económica como o turismo co obxectivo de avanzar na internacionalización.

Nesta liña, lembrou que as exportacións a América Latina incrementáronse o ano pasado nun 37% ata os 945 millóns de euros. Ademais, no que se refire ao ámbito turístico Galicia recibiu case de 77.000 visitantes de Iberoamerica e máis de 6.300 peregrinos. Neste Xacobeo 21-22, a Xunta confía na reactivación do Camiño a nivel internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo para continuar a senda de recuperación iniciada o ano pasado con case 180.000 Compostelas.