Abre o prazo para as empresas da convocatoria do Bono Turístico


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se abre o prazo para a presentación das solicitudes das empresas turísticas interesadas en participar na nova convocatoria do Bono Turístico #QuedamosenGalicia2022. Poderán solicitar a súa adhesión as empresas que dispoñan de aloxamento -excepto vivendas de uso turístico- e as axencias de viaxe que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Ademais, a convocatoria para que os usuarios poidan pedir as súas tarxetas está previsto que comece este mesmo mes. 

Desde mañá e ata o 1 de decembro as empresas turísticas poderán formalizar as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal como fixeron na convocatoria do ano pasado case 1.200 entidades. Os aloxamentos e axencias de viaxe que xa participaron no programa o ano pasado terán que volver inscribirse coas condicións requiridas. 

Entre os requisitos esixidos, todas as empresas deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) e tamén na plataforma Turespazo (https://turespazo.turismo.gal ), onde ademais os aloxamentos deberán rexistrar as súas ofertas e as axencias de viaxe os seus paquetes turísticos e, en ambos casos, os códigos que identifican as TPVs que pon a disposición dos beneficiarios do Bono Turístico para efectuar os pagos coas tarxetas prepago. 

As ofertas específicas das empresas adheridas poderán presentarse na plataforma Turespazo e estarán tamén dispoñibles na páxina web de Turismo de Galicia.  

Nesta nova edición, a Xunta asumirá o 40% do custe dos servizos consumidos e os particulares o 60% restante segundo o importe escollido. Ao igual que o ano pasado haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros -100€ abonados pola Xunta e 150€ polos beneficiarios-; outro de 375 euros -150€ achegados polo Goberno galego e 225€ polos particulares-; e o terceiro de 500 euros -200€ pola Xunta e 300 polos usuarios-. Cómpre lembrar que o ano pasado a tarxeta de maior contía foi a escollida na súa gran maioría polos solicitantes. 

A data límite para o seu uso será o 31 de decembro de 2021, se ben durante os meses de verán -entre o 1 de xullo e o 15 de setembro- as tarxetas permanecerán inhabilitadas debido a que esta nova convocatoria vai enfocada a desestacionalizar a oferta e a manter a ocupación e a liquidez no sector na tempada baixa. 

A anterior edición do bono foi unha medida pioneira que permitiu inxectar 7,6 millóns de euros ao sector, sobre todo nos meses de menor actividade e concentrándose o consumo no último trimestre do ano. Ademais, foi unha historia de éxito de principio a fin ao esgotarse en 12 horas as 12.300 tarxetas dispoñibles.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, recordou o éxito da anterior edición e amosouse convencido de que “esta nova edición vai ser aínda mellor”. Con esta iniciativa, a Xunta trata de minimizar o impacto da crise sanitaria no sector turístico e axudar ás empresas galegas a deixar atrás ese atranco “nas mellores condicións posibles”.