A Vindeira semana sairán ao merecado as primeiras pezas amparadas pola IXP Pan Galego


A Xunta anuncia que o vindeiro mércores 9 de marzo comezarán a venderse as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego nun total de 44 establecementos de 14 panadarías, repartidos por toda a comunidade. O acto central desta saída oficial ao mercado terá lugar ese mesmo día no muíño de Cuíña de Lalín, un dos inscritos nos rexistros da IXP, e poderá seguirse tamén por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

A xornada estará presidida polo director da Axencia, José Luis Cabarcos, que intervirá así mesmo nunha mesa redonda na que tamén participarán Miguel Calvo, da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal), Luís Urquijo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e Ángeles Romero, da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo final é poñer en valor a IXP que persegue protexer o pan de trigo elaborado de xeito tradicional en Galicia.

Nesa liña, cabe sinalar que as 14 panaderías inscritas que poderán comercializar o produto nun total de 44 puntos de venda dende o próximo 9 de marzo superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, distribuirán o produto envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa trazabilidade en todo momento.

En concreto, as panadarías autorizadas están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda,Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, localízanse en Vigo e nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.