A IXP Pan Galego comezou a súa andaina comercial en 44 establecementos


Un total de 44 establecementos pertencentes a 14 panadarías da comunidade comezaron a vendere as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego. Así se anunciou no acto oficial de presentación, que estivo presidido polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

As pezas véndense envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento.

Cabarcos apuntou que na actualidade se seguen a tramitar máis solicitudes de inscrición no rexistro da IXP, polo que en breve aumentará o número de puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea.No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada -así mesmo- formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.

O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.

O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

Os interesados en coñecer os puntos de venda poderán consultalos no seguinte enlace: https://experienciasdecalidade.xunta.gal/gl/produtos/panaderia-e-reposteria/pan-galego.