A Coruña presenta a oferta gastronómica da cidade na vixésima de Madrid Fusión

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, prepárase para presentar a oferta gastronómica da cidade na vixésima edición de Madrid Fusión que se celebrará do 28 ao 30 de marzo no Instituto Feiral de Madrid.

Á capital de España viaxará unha delegación coruñesa que participará na feira da man da plataforma Saborea España. Serán os chefs David Pérez, do restaurante La Penela, e Moncho Méndez, do restaurante Millo Orzán, os encargados de realizar as elaboracións que representen á cidade herculina durante estes tres días en Madrid Fusión.

Durante os tres días que dura Madrid Fusión, no stand da Coruña viviremos diferentes momentos almorzo, demostración de produtos da lonxa coruñesa, sesións vermú, momentos doces, showcookings ou obradoiros así como presentación das Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico - Reserva de Biosfera, San Xoán, o Concurso de Tapas Picadillo, as Xornadas Lacónicas ou Boucatise.

Adrián Felípez, chef do restaurante Miga, será o primeiro en ofrecer un showcooking no stand coruñés. Será ás 12h do luns 28 e levará por título "A man, a despensa Atlántica". O seguinte showcooking será o mércores 30 ás 11 h e correrá a cargo de Álvaro Victoriano, chef do Grupo Peculiar e premio Picadillo á Mellor Tapa Creativa 2021 que tratará "A era do mundo vexetal: non todo é marisco".

Ademais, tres serán os obradoiros que ofrecerá Turismo da Coruña para todos os asistentes. O primeiro será o luns 28 ás 16 h e será impartido por Pablo Pizarro, de La Empanada Viajera: "La Empanada Viajera, da Coruña a toda a península". O seguinte será o martes 29 ás 18h da man de Paula Patiño, de Acastrexa e tratará de "Enriquecer os teus pratos con arte culinaria coruñesa". Por último, o mércores 30 ás 14h, Miguel Ángel Roig, de Os Biosbardos, falará sobre a "Leira Atlántica: no berce do produto".

Durante estes tres días poderanse degustar no posto de Saborea A Coruña produtos da Lonxa da Coruña, Adega Lorenzo Bescansa, Adegas Pagos de Brigante, Vermú ecolóxico O Fogar do Santiso, Acastrexa, Queixo Cagiao, Os Biosbardos, Seitura ECO, Gallegas de nata, Bonilla a la Vista, La Empanada Viajera e Panadería Sanjurjo.