58 títulos recollidos no novo catálogo Films from Galicia

 


O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, presentaron en Santiago o novo catálogo Films from Galicia 2022, editado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega para cinema e televisión, así como para poñer en valor a súa calidade artística e técnica. Os 58 títulos recollidos ofrecen unha completa panorámica da actualidade do noso sector audiovisual, deixando testemuño da variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir a nosa Comunidade como escenario de rodaxe.

O secretario xeral de Cultura explicou que Films from Galicia e Shorts from Galicia son as marcas impulsadas pola Xunta para apoiar a difusión dos traballos das produtoras e creadores galegos en destacados mercados, foros de negocio e festivais internacionais. Ambas renovan contidos anualmente, concretándose na edición de cadanseu catálogo físico e dixital e na produción dos seus respectivos vídeos, que transmiten a puxanza do sector na nosa Comunidade a través dunha imaxe competitiva e global que, porén, non renuncia aos valores culturais propios.

Música de Baiuca

A coordinadora de Política Audiovisual da Agadic, Dolores Meijomín, interveu tamén na presentación que tivo lugar este mediodía no Salón Teatro de Santiago e para a que se contou coa interpretación musical en directo de Baiuca. O grupo asina a música do novo vídeo de Films from Galicia, no que o tema Luar acompaña unha dinámica montaxe cos fotogramas das producións recollidas no catálogo.

Esta publicación mantén a súa estrutura habitual en catro grandes bloques: Pics para longametraxes de ficción, con 22 producións e proxectos; Docs para documentais, con 19; Toons para a sección de animación, con 6, e TV para series, miniseries e películas para televisión, con 11 títulos. Dos 58 traballos recompilados, a partir dunha convocatoria dirixida a todas a produtoras galegas, 35 están xa rematados, mentres que os 23 restantes atópanse aínda en proceso. Pola súa banda, Shorts from Galicia tamén renovou contidos en 2022 coa edición física e dixital dunha escolma de sete curtas xa en distribución e dous work in progress.

O apoio do Goberno autonómico ao audiovisual galego reflíctese en moitas destas fitas, beneficiarias nos últimos anos do programa de subvencións da Xunta para acompañalas economicamente en todo o proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e a preprodución, ata a produción, a difusión e a comercialización.

Efecto multiplicador das subvencións autonómicas

Neste sentido, o Consello da Xunta aprobou a pasada semana as bases e a próxima publicación da principal liña de apoio do devandito plan de axudas: a convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, que nos dous últimos exercicios beneficiou 42 obras de 31 produtoras galegas conseguindo un retorno económico global de máis de 26 millóns de euros, resultantes da suma dos seus respectivos orzamentos.

Ademais, durante o período 2021-2023 este programa de fomento compleméntase coas diferentes iniciativas postas en marcha pola Xunta ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, de xeito que en 2022 as convocatorias de ambas vías de apoio sumarán unha inxección duns 7,3 millóns de euros en adxudicacións a produtoras, festivais ou creadores, que redundará nunha maior competitividade do sector a todos os niveis.

O audiovisual galego, en Málaga

A edición destes catálogos reforza a política de internacionalización do audiovisual galego, no marco da que este ano se está a retomar a presenza física nas principais feiras profesionais, a través da organización de misións comerciais. Este calendario de promoción arrancou o pasado mes de febreiro no Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia) e continuará a semana que vén no MAFIZ, o mercado que se desenvolve en paralelo ao Festival de Málaga e ao que a Xunta acudirá por vez primeira con expositor propio para a difusión do cinema de produción galega.

Ao tempo, en 2022 volverán convocarse as subvencións autonómicas para a comercialización e difusión en foros de negocio especializados e eventos de cine fóra de Galicia. A través desta liña, en 2021 distribuíronse 30.000 euros entre sete produtoras galegas para o desenvolvemento de diferentes accións promocionais con motivo da selección das súas producións en Cannes, Venecia, Toronto, Bos Aires, San Sebastián, Málaga, Sevilla ou Sitges, entre outras mostras.