462.000 euros para pescadores e mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña

A Deputación da Coruña destina 462.000 euros para apoiar ás confrarías de pescadores e agrupacións de mariscadoras e mariscadores da provincia da Coruña en cuestións coma a contratación de persoal ou a modernización das súas infraestruturas, procesos de produción e comercialización.

A través deste programa de apoio ás confrarías, os pósitos coruñeses poden optar a axudas de entre 1.500 e 30.000 euros que poden destinar á contratación de persoal, adquisición de sementes de moluscos, alugueiro de maquinaria ou equipamentos necesarios para o desenvolvemento das actividades de confrarías, lonxas ou fábricas de xeo ou contratación de servizos externos, como a vixilancia das autorizacións marisqueiras.

O deputado de Promoción Económica, Blas García, anunciou que mañá xoves, 3 de marzo, a Deputación abre o prazo de solicitudes desta liña de subvencións, que se poderán tramitar de xeito telemático a través da plataforma SUBtel ata o vindeiro 24 de marzo ás 14.00 h. O deputado lembrou que o ano pasado 27 pósitos e agrupacións de mariscadoras e mariscadores recibiron o apoio económico da Deputación para manter a súa actividade.

Blas García subliñou "a importancia económica e social dun sector estratéxico como o da pesca, que xera miles de empregos e que segue liderando as cifras de pesca fresca en Galicia" e destacou que "por iso queremos seguir apoiándoos a través deste programa, que tamén pretende mitigar os efectos provocados pola pandemia".

Aberto o prazo para as axudas de Promoción Económica

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) tamén publica o extracto das convocatorias das dúas liñas de subvencións dirixidas a entidades para a realización de actividades e investimentos de promoción económica neste ano 2022 e que, en total, contan cun orzamento de 750.000 euros.

Estes programas diríxense a entidades sen ánimo de lucro tales como colexios e asociacións profesionais; cámaras de comercio; entidades asociativas e representativas dalgún sector profesional, comercial ou empresarial; e asociacións de veciños e veciñas e de mulleres rurais.

No caso da liña para a realización de actividades, as solicitudes poden presentarse a través da plataforma SUBtel ata o 24 de marzo e, para as axudas á realización de investimentos, o último día para presentar a documentación é o 30 de abril.

O deputado de Promoción Económica destacou o importante apoio que a Deputación ofrece con estes programas de axudas e explicou que "atendendo ás demandas dos colectivos do comercio, permitimos sufragar a través da liña para actividades os salarios do persoal co obxectivo de impulsar o emprego e dar apoio ao sector, moi afectado pola crise xerada pola pandemia