14 bolsas de formación práctica nas oficinas de turismo galegas

O DOG publicou as bases e condicións reguladoras para a concesión de 14 bolsas de formación práctica nas oficinas de información turística dependentes de Turismo de Galicia para a promoción e información turística, que suporán un investimento de 90.000 euros. Cunha duración de 6 meses non prorrogables, o  obxectivo de conceder estas axudas é mellorar a atención e a formación do persoal que atende os visitantes que chegan a Galicia. 

As prácticas tuteladas desenvolveranse nas oficinas de información turística coa seguinte distribución: catro bolsas na Oficina de Turismo de Santiago de Compostela (dúas na praza de Mazarelos e outras dúas no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino), dúas bolsas na Oficina de Turismo da Coruña, dúas bolsas na Oficina de Turismo de Pontevedra, dúas bolsas na Oficina de Turismo de Vigo, dúas bolsas na Oficina de Turismo de Lugo e dúas bolsas na Oficina de Turismo de Ourense.

Os solicitantes deberán cumprir os requerimentos de idiomas e formación establecidos na convocatoria e deberán presentar a solicitude a través da sede electrónica da Xunta 

A iniciativa responde ao esforzo continuado da Xunta de Galicia na formación dos recursos humanos, apostando por incrementar a calidade do sector turístico que revirta no incremento da competitividade do destino a través dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician ou desenvolven a súa actividade neste sector.