12 BIC galegos que se van a rehabilitar no marco do Plan Xacobeo Next Generation

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou a Casa Museo Valle Inclán de Vilanova de Arousa, un dos 12 Bens de Interese Cultural (BIC) que se van a rehabilitar a través dos 27,4 millóns de euros que Galicia recibirá no marco do Plan Xacobeo Next Generation.

Este financiamento permitirá poñer en valor o patrimonio histórico ao longo dos Camiños de Santiago a través da súa rehabilitación para o desfrute dos visitantes e incluíndo melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética, así como medidas coas que impulsar a modernización ou dixitalización destes espazos.  

No acto de hoxe, ao que tamén asistiu a  directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentouse o proxecto para rehabilitar a Casa Museo Valle Inclán, a que fora vivenda natal do autor e na que se atopa unha recreación do inmoble nesa época e unha exposición sobre a súa biografía e a súa obra. Neste BIC investiranse case 523.000 euros para levar a cabo reparacións no interior e no exterior, melloras no axardinamento e embelecemento paisaxístico, a drenaxe e eliminación de humidades, a iluminación con tecnoloxía LED, a incorporación dun sistema de climatización e a dotación de contidos multimedia para a súa divulgación turística. 

Ademais da Casa Museo Valle Inclán, son BIC beneficiarios destes fondos a Fortaleza de Monterrei, que percibirá 16,9M€; o parque do Pasatempo en Betanzos (1,8 M€); o arquipélago de Ons (1,69 M€); a paisaxe cultural da Ribeira Sacra (1,69 M€); a Ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata as Aceñas (1,21 M€); a Torre de Hércules (1,2 M€); o arquipélago de Sálvora (968.000€); o cárcere vello de Tui (484.000 €); as Torres do Oeste de Catoira (363.000 €); o conxunto histórico de Mondoñedo (330.000 €); e o castelo de Santa Cruz da Guarda (242.000€).

Os 27,4 millóns que se investirán na rehabilitación de 12 BICS da comunidade supoñen o 40% dos 65 millóns destinados no conxunto de España a este fin. Forman parte ademais dos máis de 47 millóns do Plan Xacobeo Next Generation, que ademais destas melloras no patrimonio histórico para usos turísticos, conta con 10 millóns para 2 Accións de Cohesión en Destino (ACD) promovidas polas Xunta e 9,8 millóns de 4 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino de entidades locais. 

Deste xeito, a promoción da Ruta Xacobea Mar de Arousa e Río Ulla (Traslatio), que tamén pasa por Vilanova de Arousa, é unha das 2 medidas da Xunta co obxectivo de captar turistas e peregrinos a través deste traxecto. Contará cun investimento de 3,1 millóns, mentres que outros 6,9 millóns destinaranse a outra acción encamiñada a fomentar Galicia como destino cicloturista e o Camiño seguro en familia. 

En canto aos 4 Plans de Sustentabilidade Turística dispoñen dun investimento de 9,8 millóns de euros, para executar as propostas beneficiarias presentadas polos concellos de Vilagarcía e Oia, pola Mancomunidade do Salnés e pola Deputación de Pontevedra.

Alfonso Rueda destacou que os fondos europeos supoñen unha oportunidade histórica para dar a coñecer o Xacobeo 21-22. No que se refire á rehabilitación dos BIC destacou o impacto que que terán as intevencións nas persoas que transitan os Camiños de Santiago e para os cidadáns que habitan nas localidades do Camiño, xa que poden supoñer unha oportunidade de dinamización económica e de desenvolvemento do emprego nestes territorios.

Tamén lembrou o traballo da Xunta para poñer en valor os recursos das rutas xacobeas e o embelecemento da súa contorna, a través das accións incluídas no Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2021, que sumaron un investimento de máis de 43,5 millóns de euros no mantemento dos itinerarios e albergues e na mellora da seguridade viaria.