117 inscritos na aceleradora galega de startups turísticas da Xunta de Galicia


A Aceleradora galega de startups turísticas da Xunta de Galicia pecha a fase de inscrición da súa segunda edición batendo o seu propio récord cun total de 117 inscritos, 34 máis que na edición inaugural de 2021, o que supón un destacado 40,96% de incremento. Este éxito da convocatoria consolida a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia e sitúa á Aceleradora especializada en proxectos turísticos como un referente no sector e en Galicia.

O labor desenvolvido desde que arrancara a iniciativa, hai agora un ano, e os primeiros casos de éxito protagonizados por startups xa aceleradas na primeira promoción de talento turístico innovador foron claves para mellorar os rexistros iniciais, xa destacados para unha aceleradora pioneira e especializada no sector turístico. Todas as categorías habilitadas (Camiño de Santiago, Sostibilidade, Travel Tech, Gastro Tech, Social Tech, Infrastructure Track e a novidade de Turismo de litoral) recibiron propostas que agora optan a ser protagonistas neste programa 2022.

Unha vez pechado o período de presentación de candidaturas, comeza o proceso de selección das máis destacadas. Os compoñentes do xurado especializado, conformado por unha ampla representación do ecosistema innovador galego, avaliarán caso por caso a potencialidade, o grao de maduración da idea e os equipos que promoven cada iniciativa. De entre todos eles realizarase unha preselección de 15 startups (máis 5 suplentes que quedarán nunha listaxe de agarda), que serán as que accedan ao primeiro módulo de formación na Pre-Academia. 

Finalmente, os 10 promotores que mellor presenten e defendan a súa startup accederán á fase definitiva da Academia durante a que terán 6 meses para moldear e acelerar o seu proxecto co equipo de especialistas nas distintas materias e coa vista posta na inminente saída aos mercados. 

Esta segunda edición finalizará da man do período extraordinario Xacobeo 2021·2022 e concluirá o seu itinerario formativo cun Investors Day e coa entrega de galardóns e mencións especiais. 

A Xunta volverá repartir 80.000 euros en premios directos aos proxectos máis potentes, unha inxección crucial no momento de dar o salto á profesionalización dos proxectos e á escalabilidade nos mercados que se suma ás accións de promoción, asistencia a eventos e contacto con investidores que forman parte da Aceleradora.

Anuncio dos seleccionados e arranque da Pre-Academia

A Aceleradora de startups turísticas da Xunta de Galicia reunirá ao seu equipo de selección, avaliará e ponderará as cualidades de cada proxecto presentado e contactará cos escollidos para facer público o nome dos preseleccionados o luns 28 de marzo. 

O acto de arranque oficial do programa de aceleración terá lugar o xoves 31 de marzo e as primeiras sesións formativas o venres 1 e o sábado 2 de abril. Están previstas 8 sesións intensivas neste primeiro bloque ,que se pechará o 6 de maio co Demoday clasificatorio, que abrirá as portas ao núcleo central do programa.