Volta o entroido as rúas de Pontevedra, abanderado polo loro Ravachol

O Entroido quere volver ser algo máis que unha palabra. Pontevedra entrará de novo en festas a partir do venres 25 de febreiro, con varios días cargados de actividades por diante, entre disfraces, animacións na rúa e sentir popular.

Logo de non poder ser celebrado o ano pasado, logo dun ano sen Ravachol poder ser velado, a Boa Vila recupera a posibilidade de honrar a memoria do loro máis coñecido da cidade, que non desfilará polas rúas da cidade, mais si será exposto desde o día 28 de febreiro, luns, até o seu encontro co lume, o sábado 5 de marzo, na praza do Concello. A veciñanza e os visitantes da cidade poderán velalo ao longo de varios días, presentar os seus respectos e finalmente acompañalo até que o seu corpo acabe convertido en cinza.

«Igual que o Ravachol que acaba de saír do seu ovo, o Entroido Pontevedrés tamén quere renacer. E logo dun ano, case podemos dicir que Ravachol será a nosa ave fénix particular, que renace con forza, con gana de festa e de retomar unha tradición tan fermosa coma é o Entroido polas rúas», explica a concelleira de Festas, Carme da Silva.

Ravachol, ademais, é o gran protagonista do cartel do Entroido deste 2022, cartel deseñado polo artista pontevedrés Santiago Paredes Cruz, que logrou dar vida a un Ravachol que aínda habita no niño, mais xa logra posar con espada de madeira na man e gorro de papel sobre a cabeza.

Santi Paredes é un artista que define ben a Pontevedra actual, dinámica e con talento. Un artista multidisciplinar que cursou os seus estudos artísticos na facultade de Belas Artes e que soubo dar cun estilo persoal, recoñecíbel, amais de lograr aplicalo en diferentes ramificacións culturais, coma a ilustración, a BD, o deseño e a moda, e até a música. O traballo de Paredes é desde hai anos unha constante na cidade en múltiples formas, coma, por exemplo, os carteis do Surfin’ The Lerez, que sempre contaron con gran recepción. Tamén, xunto coa súa irmá Cecilia, abriu Culebra Studio na rúa San Antoniño, un novo local onde mistura arte, moda, deseño e vangarda.

Sexa como for, a programación deste Entroido 2022 ocorrerá en boa medida na rúa, enchendo de actividades diferentes puntos da cidade. Alén dos clásicos pasarrúas e charangas, Pontevedra será testemuña da representación de entroidos tradicionais xunto coa recreación da botica de Perfecto Feijoo, que contará cunha ambientación de seu. A Boa Vila tamén recupera o concurso de Murgas no Pazo da Cultura, que alcanza a súa 30ª edición este ano, e que combinará humor, música e moita retranca -vivirá a súa final o xoves 3 de marzo-. Tamén serán realizados diversos obradoiros de Entroido, de xogos e de disfraces, en diferentes puntos da vila, como as Palmeiras, Campolongo ou Curros Enríquez. Será esta mesma praza o espazo elixido o 1 de marzo para o desembarco da tripulación do Burla Negra no centro histórico, que invita a gozar do noso lado máis pirata ao longo da tarde.

«Non imos laiar con que é un Entroido diferente… xa sabemos de sobra que todo é diferente. Hoxe diremos que vai ser un Entroido real, divertido, cunha programación para todo o mundo, pensado para os nenos e mantendo elementos tan recoñecíbeis como é a queima de Ravachol ou o concurso de Murgas», sinala a edil. «Imos ter música, imos ter disfraces, imos ter obradoiros, ambiente na rúa, e imos ter tamén unha mirada cultural e estudosa»

Todo comezará o venres 25 de febreiro, coa recepción das autoridades a Urco, rei do Entroido, quen chegará a Pontevedra acompañado do seu séquito, para a continuación pasar á lectura do pregón a cargo do Equipo Ja. 

Por último, no eido cultural, as Xornadas sobre o Entroido de Galiza aportarán diversas visións sobre unha das tradicións máis seguidas, particulares e importantes do país, a través dunha serie de conferencias, mesas redondas e presentacións divididas en dous días, o venres 11 e o sábado 12 de marzo. Todas elas terán como sede a igrexa de Santa Clara, que volver funcionar como un espazo cultural e de divulgación trala súa conversión nun espazo público e municipal.