Terceira convocatoria do programa O Teu Xacobeo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou en Ferrol que a Xunta prevé publicar a finais deste mes a terceira convocatoria do programa O Teu Xacobeo, que contará cun investimento de 1,5 millóns de euros. Ao igual que as dúas edicións anteriores, a iniciativa contribuirá a impulsar en toda a comunidade proxectos relacionados co Ano Santo e, ao mesmo tempo, potenciar a marca de Galicia como destino seguro e de calidade.

Deste xeito, financiaranse proxectos socioculturais que complementen a programación do Xacobeo neste 2022 implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago desde unha perspectiva multidisciplinar que abarque áreas como a arte, o audiovisual ou a gastronomía. 

Así, financiaranse proxectos como exposicións, mostras, intervencións, concertos, festivais, publicacións, creacións audiovisuais, talleres, xornadas de formación, conferencias e foros, actividades deportivas ou eventos gastronómicos celebrados por entidades privadas e entidades sen ánimo de lucro entre maio e outubro.

Na visita hoxe ao colexio Cristo Rey de Ferrol, Alfonso Rueda destacou que con esta terceira convocatoria de O Teu Xacobeo, a Xunta busca reeditar o éxito das dúas edicións anteriores, nas que se demostrou a implicación da sociedade co Xacobeo 21-22. 

A través deste programa apoiáronse 572 proxectos apoiados de 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros. Entre eles, os cinco presentados pola Federación de ANPAS de Ferrol e Comarca Concepción Arenal, que foi beneficiaria nas dúas convocatorias publicadas ata agora e recibiu máis de 97.100 euros. A través de varias edicións do Festival do Camiño Inglés e Xacobeo 21-22, a organización conseguiu involucrar a 9.500 alumnos de 39 centros escolares das comarcas de Ferrolterra, Eume, Ortegal e As Mariñas a través dunha gran lona co xogo da oca desta ruta xacobea, no que cada oca leva un dos instrumentos do Pórtico da Gloria. 

 “O programa foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia e puxo de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto da sociedade galega”, explicou o vicepresidente primeiro da Xunta. Ademais, engadiu que  O Teu Xacobeo axudou a contar, pese á pandemia, cun Ano Santo “participativo e descentralizado con moitos pequenos actos e dinámicos espallados por toda a xeografía galega”. 

Sen perder ese espírito participativo que involucre a tódolos galegos e galegas e axude á dinamización económica dos concellos, o vicepresidente primeiro da Xunta confía en que este ano o Camiño de Santiago e o Xacobeo adquiran unha relevancia máis internacional coa chegada de peregrinos de todo o mundo que ata agora non puideron camiñar a Galicia polas restricións de mobilidade derivadas da covid-19. 

Tamén lembrou que a Xunta puxo en marcha tódalas medidas para garantir un Camiño seguro e contribuír á recuperación da peregrinación. Tanto co acondicionamento das rutas xacobeas mediante o Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021, que continuará cun novo plan para o período 2022-2027, como coa creación de novos albergues e melloras nos xa existentes co obxectivo de contar a finais deste Xacobeo con 78 albergues na rede pública. 

Ademais, implantáronse tódolos protocolos sanitarios ante a covid nos distintos trazados e nas infraestruturas de acollida aos peregrinos, que ao igual que os turistas, contan co seguro coronavirus para cubrir cos gastos ante un caso de infección por covid ou por corentena. Por iso, a aposta de Galicia como destino seguro e cun Camiño seguro fixo posible que a comunidade liderase a recuperación turística 22 puntos por riba da media estatal e que se superasen tódalas expectativas en canto á peregrinación con case 180.000 Compostelas seladas fronte ás 140.000 previstas.