Sanitarios e sanitarias, merecedores protagonistas do Estase Cocendo 2022

O Centro do Viño da Ribeira Sacra acolleu o acto inaugural do Estase Cocendo 2022. Na presentación deste mes dedicado a un dos pratos estrela da comarca, o cocido de Entroido, os protagonistas foron os sanitarios e sanitarias, aos que se lles rende homenaxe, nesta décimo cuarta edición, polo labor realizado ao longo de toda a pandemia. 

O acto contou coa presencia de Jacobo García-Bobadilla, secretario da Asociación de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl); Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos; Pablo Rivera, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, e Paloma Vázquez, 

xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, ademais da delegada da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) en Monforte de Lemos, Beatriz Vila.

García-Bobadilla deu a coñecer os establecementos participantes nesta cita gastronómica xa clásica da Ribeira Sacra. Desde este sábado 26 de febreiro e ata o vindeiro 27 de marzo, o público poderá degustar este prato típico en máis dunha trintena de establecementos hostaleiros das localidades de Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao e Sober. Ao longo de todo o mes, algúns locais ofrecerán tapas de cocido –a un prezo de 1,5 €– nas fins de semana e outros porán a disposición dos clientes cocido de menú ou de prato do día. Como xa viña sendo habitual durante este mes, tamén haberá prezos especiais en numerosos hoteis, pensións e casas de turismo rural da comarca.

Ademais, as persoas que proben o cocido en calquera das modalidades ofertadas serán agasalladas cunha rifa coa que optarán a un porco de 100 kg da Devesa dos Formigueiros. Levarase o premio quen teña a papeleta coas catro últimas cifras do número premiado no sorteo da ONCE do 2 de abril.

ACTIVIDADES LÚDICAS

O programa conta tamén cunha serie de actividades, como son unha quedada de motos para o día 12 de marzo, visitas guiadas por Monforte e o Cocido das Meigas para o día 26 de marzo. 

A maiores, algúns negocios turísticos ofertan ao longo deste mes alternativas lúdicas como visitas a bodegas, paseos a cabalo ou rutas en segway pola Ribeira Sacra.

O Estase Cocendo é unha iniciativa da Apehl que conta co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo e coa colaboración dos Concellos de Monforte de Lemos, Quiroga, Sober, O Saviñao e A Pobra do Brollón, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, do Centro do Viño da Ribeira Sacra, do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, da Asociación Prodeme, do Centro de Enseñanzas Artísticas Creativa, de En Lá e do Centro Comercial Urbano de Monforte.