Recuperada a policromía orixinal do coro do Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo


A Xunta de Galicia vén de completar os traballos de restauración no Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo onde, entre outras actuacións, se recuperou a policromía orixinal do coro do século XVI. Así o comprobou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita para contemplar o resultado dunha intervención á que se referiu como “un modelo a seguir e un exemplo de colaboración no que profesionais de distintas disciplinas se implicaron cun obxectivo común: preservar o legado do noso patrimonio”. 

Na súa visita, o responsable autonómico de Cultura contemplou o actual estado do coro, un conxunto de madeira que data do século XVI, pero que tivo que ser intervido no ano 1800 a consecuencia da caída da fachada. Desde ese momento, tal e como se pode consultar na documentación existente, unha das vigas orixinais está rota e asentada sobre outra impedindo contemplar a totalidade da policromía. “Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia estiveron centrados en retirar esta segunda viga garantindo a función estrutural da orixinal ao tempo que se pon en valor un dos poucos artesoados policromados que se conservan na Comunidade”, afirmou Román Rodríguez. 

Para conseguilo, tal e como explicou o conselleiro, contouse coa participación de numerosos expertos como arqueólogos, historiadores, carpinteiros, arquitectos, enxeñeiros ou mesmo escultores como Acisclo Manzano, que elaborou unhas pezas para incorporar ao conxunto. “O gran traballo feito por Acisclo enriquece o artesoado favorecendo a combinación de estilos artísticos e legando ás futuras xeracións o reflexo dos cambios sociais de quen vai utilizando o inmoble a través do tempo”, incidiu. 

Maza de 400 anos

Unha das fases na restauración do Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo centrouse no entaboado de madeira do coro, que tivo que ser levantado e recolocado tras a aplicación dun tratamento antixilófagos. No transcurso desta intervención, os técnicos localizaron baixo as táboas unha maza de madeira, un elemento que puido ser depositado como firma do carpinteiro hai máis de 400 anos. 

O proxecto impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do seu compromiso coa conservación do patrimonio cultural e artístico de toda Galicia e coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial tamén permitiu solucionar problemas de humidade e resolver carencias de conservación vinculadas fundamentalmente á entrada de auga revisando algunhas das solucións construtivas que se incorporaron recentemente. Ademais, cun investimento superior aos 210.000€ cofinanciados con fondos FEDER, os traballos tamén incluíron diferentes actuacións no acabado das escaleiras da zona porticada da oficina de turismo e na súa fachada norte. 

Igualmente, actuouse nas fachadas norte e leste da igrexa, afectadas pola humidade, e sobre o adro, revisando as drenaxes e descubrindo as zonas enterradas da fachada dando un novo tratamento axardinado. Tamén se limpou o pavimento de vexetación e se investigaron as canalizacións históricas para recuperar o recorrido natural das escorrentías, reducindo a súa entrada na igrexa.

Igrexa e biblioteca

Na zona acristalada do claustro substituíronse os vidros rotos e readaptáronse as portas de vidro existentes adoptando unha solución que permite a ventilación pola zona superior. Tamén se revisou a cuberta da igrexa e modificouse o revestimento da fachada da biblioteca. Para poder realizar estes traballos, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Ourense e co Concello de Xunqueira de Espadanedo.