Pontevedra será a sede do I Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia do 2 ao 3 de maio



Pontevedra dará neste 2022 un contundente paso adiante no seu camiño para erixirse como Capital Española da Gastronomía (CEG) 2023, ao converterse en sede do I Campionato de Tapas e Pinchos de Galicia. O evento gastronómico, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo baixo o mecenado da Academia da Tapa e do Pintxo, celebrarase os días 2 e 3 de maio e permitirá reunir en Pontevedra a medio centenar de cociñeiros de toda a comunidade que competirán polo premio ao mellor pincho e ao mellor cociñeiro de pinchos e tapas de Galicia.

Así o anunciaron esta mañá a máxima responsable da Concellería, Yoya Blanco, e o presidente da Academia da Tapa e do Pintxo, Mikel Martínez, tras un encontro mantido na Sala de Xuntas do Concello e no que tamén participou a responsable da firma Carta Blanca (encargada de coordinar as diversas accións organizadas arredor da marca Pontevedra Capital Gastro) Elena Vitoria. Tal e como lembrou Blanco, “a idea de que a nosa cidade se convertese en epicentro galego da tapa e o pincho coa celebración dun concurso de carácter autonómico xurdiu nun encontro mantido o pasado mes de xaneiro no stand da CEG na Feira Internacional de Turismo de Fitur, no que o meu compañeiro Iván Puentes e eu tivemos ocasión de amosarlles a Mikel Martínez e ao director xeral da CEG, Pedro Palacios, as enormes potencialidades e talentos que artellan o proxecto gastronómico que temos entre mans en Pontevedra”.

Durante a reunión mantida no Ifema e tras contemplar unha publicación do Campionato de Pinchos e Tapas organizado en Castela e León, a edil do PSOE xa amosara o seu grande interese na proposta plantexada pola Academia de traer a Galicia a primeira edición deste certame. Non obstante, en opinión de Yoya Blanco, a nosa cidade conta cunha forte tradición neste eido, con cociñeiros moi especializados en tapas e pinchos e un concurso propio que se celebra cada ano como Pontedetapas, polo que “se existe un lugar de Galicia con galóns para acoller un acontecemento destas características, de promoción da gastronomía galega, ese é Pontevedra”.