O sector cultural galego analizou os seus retos de futuro

O Castelo de Soutomaior convertiuse no escenario desde o que o sector cultural galego analizou os seus retos de futuro trala pandemia, nunha xornada organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Preto de cen persoas, entre técnicos e técnicas municipais, concelleiros e concelleiras e representantes do ámbito asistiron aos debates dos “Retos da cultura poscovid”, protagonizados por destacadas e destacados líderes da cultura en Galicia e o Estado e que serviron para poñer de manifesto que a profesionalización, a perspectiva de xénero, a sostibilidade, o apoio ao mundo rural e a Axenda 2030 están entre as principais metas a reforzar trala pandemia. Así o destacou a presidenta do colectivo, Pilar Portela, e a presidenta provincial, Carmela Silva, quen puxo en valor que “a cultura ten que ser unha prioridade, temos que democratizala e conseguir que chegue a todos os lugares” e tamén avogou por un maior protagonismo do mundo local con recursos suficientes para abordar as grandes transformacións que a cultura provoca no territorio.

Carmela Silva subliñou neste senso que a cultura “é o elemento máis transformador da sociedade” e amosou a necesidade de facer “unha profunda reflexión, porque a cultura ten que ocupar un grande espazo na vida das persoas e as administracións teñen que entendela como unha necesidade vital que nos obriga a apoiala”. A presidenta provincial lembrou que a pandemia supuxo “unha afección moi grande” ao sector co cese de actividades ou redución de aforos e que aínda así foi quen de reinventarse a través de espazos virtuais “ante a necesidade da xente de cultura, porque a Covid provocou moito sufrimento”. E destacou que no novo escenario poscovid hai que apostar de xeito decidido pola democratización deste “ben común” que é a cultura “que de xeito colaborativo co sector ten que chegar a todos os lugares”. “Temos que conseguir que non soamente se produza nas grandes cidades –dixo-, porque a cultura transforma os concellos cando chega; pasan cousas moi relevantes que non só teñen que ver co dereito a ter cultura, senón coa transformación deses territorios”. Carmela Silva engadiu que neste contexto é imprescindible tamén a necesidade de apoiar ao mundo local con recursos, “e se o mundo local non vai ser quen xestione os recursos de forma directa, será un erro”. “En Galicia, -afirmou-  quen está a facer o traballo de levar a cultura a todo o territorio é o mundo local e os propios concellos cun esforzo extraordinario. E non se van producir  as grandes transformacións se o mundo local non ten unha presenza potente”. 

A presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Pilar Portela, que xunto a Uxío Novoneyra, tamén representante do colectivo, e a deputada provincial Victoria Alonso pecharon a xornada, destacou esta posta en común en Soutomaior de todas as propostas coas que o sector busca afrontar o desafío postpandémico e lembrou que “a cultura ten unha casuística especial e non se pode tratar igual que calquera outro servizo”. Para Portela, a pandemia puxo de relevo “a importancia de pensar no público, do traballo en rede e do traballo dende, por e coa cidadanía”, que son aspectos fundamentais, “porque cando os proxectos saen da cidadanía se xera comunidade, se traballa en rede e saen moito mellor”, así como “a sostibilidade, que é unha oportunidade para nós, o rural, a igualdade, a perspectiva de xénero, a inclusión e a diversidade, en definitiva, todo o que é cultura”. Subliñou así mesmo a necesidade dunha Lei de Cultura estatal e tamén, como se tratou na xornada, a necesidade da definición do perfil profesional das persoas traballadoras da cultura nos concellos: “Hai poucos municipios que teñen servizos de cultura e é necesario regular estas cousas”. 

Benito Burgos, coordinador do programa “Cultura e Cidadanía” na Subdirección Xeral de Cooperación Cultural do Ministerio de Cultura, foi o encargado de abrir a xornada cun resumo das investigacións que a través da citada iniciativa veñen dando as claves para o futuro inmediato do sector e que, como subliñou, pasa por cuestións como a alianza cultura-saúde, “porque a cultura ten que traballar na saúde e o benestar das persoas”, a mirada ecolóxica e da sostibilidade, o traballo en rede ou o paso do concepto de “transacción comercial” á idea da participación da comunidade para pasar a ser axente activa deste “ben público e común”. “Nin as cidades nin o mundo rural poden vivir alleas ao que acontece no outro escenario”, apuntou, tras incidir tamén en que hai que incluír a cultura “na economía social e solidaria”. Burgos subliñou así mesmo a importancia que o mundo rural vai ter cun proxecto específico que será financiado a través dos Fondos Next Generation e que destinará 20 millóns a plans para dinamizar a oferta cultural de zonas non urbanas no Estado. Neste senso, sinalou que o plan o xestionarán as comunidades autónomas, pero avogou porque as entidades locais e as deputacións participen activamente neste proceso “polo seu protagonismo na democratización do territorio”.

Na primeira mesa redonda da xornada, sobre “Retos de futuro da xestión cultural na provincia de Pontevedra” o director do Festival de Cine de Cans Alfonso Pato falou entre outras cuestións da xestión cultural, ao resaltar a importancia da existencia dun perfil específico que realice tarefas deste tipo nos concellos e en outras organizacións como os festivais. Engadiu que os retos propostos na xornada “poden aplicarse a nivel local na provincia, pero cada quen ten unhas características diferentes” e matizou que “aspectos como a transición dixital, que non é o mesmo que se fagan nun ámbito urbano que no rural”. Neste debate, moderado por Jorge Linheira, do Servizo de Infraestruturas Culturais do Concello de Pontevedra, participaron tamén a comunicadora especializada no eido da cultura Marián Rodríguez; a xestora e comisaria cultural e Paula Cabaleiro, directora da área de Cultura da Deputación de Pontevedra.

A segunda mesa afondou nos principais “Proxectos inspiradores en xestión cultural na provincia de Pontevedra”, e moderada por Clara Rodríguez, socia de 7H Cooperativa Cultura, serviu como plataforma para dar a coñecer iniciativas como a colección de libros “Defensoras de Dereitos”, na que colaborou a Deputación e da que falou Helena Capera, da Coordinadora Galega de ONGD. As publicacións foron escritas por Lara Dopazo Ruibal con ilustracións de Marta Conde e o colectivo RotmInas e narran historias de vida e loita de mulleres activistas defensoras de dereitos humanos de Guatemala, Honduras, México, O Salvador e Nicaragua. “É un proxecto inspirador porque son moitas mans colaborando –apuntou Capera- e porque recolle o traballo destas defensoras destas dereitos, cada unha coa súa historia e con preguntas que nos fan reflexionar sobre a realidade que vivimos e as desigualdades.  Con ela tamén quixemos sensibilizar sobre a necesidade de protección destas mulleres”.  

Outra das propostas presentadas foi a da cooperativa “Somos Terra”, que ten por obxecto educar e sensibilizar aos diferentes axentes da sociedade para activar a sostibilidade no territorio e a transformación socioecolóxica no mundo local, da man  dunha das súas socias, Eva López. Amais, Silvia Villar, activista, xestora e investigadora sociocultural, presentou “A casa colorida”, organización colectiva que desde Nigrán axuda a desenvolver proxectos a través de ferramentas software libre, mentres que Mar García, programadora da Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo, deu a coñecer “Achegando culturas”, un proxecto social que impulsa este centro e a Fundación Secretariado Xitano para fomentar a cultura e a integración.