Fondos europeos para as reservas da biosfera


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu unha reunión para informar aos concellos e ás entidades asentadas no territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses das características, condicións e requisitos necesarios para concorrer ás liñas de axuda que convocará proximamente a Administración autonómica cos fondos da Unión Europea que recibirá Galicia especificamente para estes espazos naturais a través do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A comunidade autónoma percibirá preto de 6,5M€ grazas a este plan da UE para o impulso das Reservas.

Tomé Roca recibiu no Salón de Actos aos representantes dos órganos de xestión das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial, para dar conta destas axudas ás que poderán acceder. No acto tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo.

Os fondos do Programa de Recuperación, Transformación e Resiliencia para as Reservas da Biosfera están vinculadas á consecución de obxectivos mediante a cuantificación de indicadores e medicións, sendo necesario incluír actuacións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais. Trátase dunha axuda de concorrencia competitiva subvencionada ao 100%.

Os concellos incluídos no ámbito territorial das Reservas da Biosfera galegas poderán optar a axudas de entre 40.000 e 80.000 euros, mentres que outras entidades como como as comunidades de montes veciñais en man común, asociacións ambientalistas, ONG’s ou entidades de custodia do territorio, contarán con achegas de 10.000 a 25.000 euros.