O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu á inauguración dunha mouteira no Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo que certifica que, desde ese punto, quedan 100 quilómetros para chegar á meta en Compostela. O fito en Lugo súmase aos moitos marcos de pedra colocados en distintos puntos de Galicia, España e o estranxeiro como símbolo das rutas xacobeas.
Ao acto de colocación da mouteira, chantada no paseo central da Ronda das Fontiñas a petición da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, asistiron tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente da entidade que fixo a solicitude, Ángel Trabada, que é tamén vicepresidente da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.
O monumento de granito conta cos motivos característicos do Camiño: a frecha amarela e a cuncha de vieira, e indica aos peregrinos do Camiño Primitivo que faltan 100 quilómetros para chegar a Santiago e, polo tanto, para poder obter a Compostela, a distancia mínima para solicitar a certificación oficial de ter feito o Camiño. Ao fito en Lugo súmanse as mouteiras que indican esa distancia mínima no Camiño Francés e no Inglés. A maiores, colocáronse nos últimos anos medio centenar de monólitos en diferentes puntos significativos do Camiño en España e no estranxeiro. A primeira mouteira no exterior inaugurouse no ano 2014 en Xapón, e a última, colocouse no mes de setembro do ano pasado na localidade portuguesa de Porto. Dende hai pouco tamén indica o Camiño unha mouteira cravada en Santiponce (Sevilla).
O Camiño Primitivo é a ruta de peregrinación máis antiga, un itinerario empregado xa nos séculos IX e X e que historicamente atraeu camiñantes do resto de España e de Europa. Xunto co Camiño Norte, foi recoñecido no ano 2015 como Patrimonio da Humanidade. Por esta vía que parte de Oviedo chegan a Santiago preto do 6% dos peregrinos que van camiño de Compostela.
O vicepresidente primeiro ratificou en Lugo a aposta da Xunta polo mantemento e sinalización das rutas xacobeas para ofrecer a peregrinos e turistas un destino seguro. De feito, a Axencia Turismo de Galicia investiu nos últimos anos 2,7 millóns de euros no mantemento e limpeza do Camiño Primitivo, que ademais beneficiouse, tal e como recolle o Plan Director 2015-2021, dunha achega de 1,6 millóns para a mellora da sinalización. As inversións seguirán neste ano 2022, no que está previsto destinar 570.000 euros máis á conservación do seu trazado.
Alfonso Rueda referiuse aos datos de ocupación turística coñecidos recentemente con respecto ao ano 2021, no que se confirmou que Galicia lidera a recuperación do sector en España, con 4,2 millóns de viaxeiros e case 9 millóns de noites. Ademais, os establecementos extrahoteleiros -apartamentos turísticos, cámpings e casas de turismo rural- acadaron no cómputo anual cifras similares ás do 2019, antes da pandemia. O vicepresidente primeiro manifestou que Galicia era hoxe un destino de moda, “e seguiremos estando de moda no 2022”. Asegurou, ademais, que a comunidade representaba “unha aposta segura” nun ano no que aspiraba a cifras históricas de ocupación da man do Xacobeo.