O Proxecto Anllóns, promovido pola área de Turismo da Deputación da Coruña para recuperar o patrimonio natural e cultural arredor do río bergantiñán, avanzou un paso máis coa presentación, na casa do Concello de Cabana, dos traballos sobre a diagnose medioambiental da contorna e da proposta de actuacións turísticas sustentables.
As primeiras intervencións do plan proxectadas son as de control e erradicación de especies esóxenas invasoras, a retirada de árbores mortas e limpeza xeral no leito e nas ribeiras e a rehabilitación dos muíños abandonados ao longo do río, actuacións que permitirán o deseño e construción dunha gran senda verde, duns 53 quilómetros, que atravesará os cinco concellos polos que pasa o río: A Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana.
Esta actuación global está orzamentada, inicialmente, en algo más de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación ten consignada xa unha axuda de 500.000 €, repartida en dúas anualidades: 240.000 € en 2022 e os outros 260.000 en 2023. O Consello de Dirección da Comunidade Intermunicipal do Proxecto Anllóns pretende conseguir o resto do financiamento con cargo aos fondos europeos Next Generation.