Estrea do Documental “O Camiño do Viño. Historia dun Arrieiro”

O Teatro Principal de Ourense acolleu, coa asistencia de representantes do Goberno autonómico, provincial e dos diferentes concellos da comarca do Ribeiro, a estrea do Documental “O Camiño do Viño. Historia dun Arrieiro” promovido pola Ruta do Viño e no que colaborou o Consello Regulador da D.O. Ribeiro. Este proxecto foi financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A presentación celebrouse n

A  Asociación Ruta do Viño do Ribeiro, dende 2019, veu definindo a súa estratexia promocional en torno ao “O Camiño do viño”, como un concepto que engloba os recursos históricos e patrimoniais que a cultura do viño deixou nesta enocomarca e que hoxe encaixan á perfección no produto turístico Ruta do Viño do Ribeiro. Esta estrexia promocional inclúe diversas accións na que se encadra este documental que ten como obxecto recuperar o valor da figura do arrieiro como protagonista da importancia histórica, social e económica que o viño do Ribeiro tivo para esta comarca en particular, e para Galicia en xeral, durante séculos. 

Ao longo deste documental faise unha viaxe con este histórico arrieiro polos sendeiros do Ribeiro que percorría camiño de Compostela para a comercialización do produto estrela da comarca. O arrieiro foi unha figura histórica que coa compaña da súa recua de mulas e os seus cantares tiña como destino a capital de Galicia, mercado principal do Viño do Ribeiro. 

Segundo o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro e do CRDO Ribeiro, Juan Manuel Casares, unha das finalidades das accións desenvolvidas pola Ruta do Viño do Ribeiro é “Espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron motores económicos da nosa terra, así como poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debe ser reivindicado.”

Verbo do simbolismo do Camiño do Viño e da figura do Arieiro, apunta Juan Manuel Casares que “O Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño nacional de Galicia”.

O Camiño do viño, como marca enoturística do Ribeiro.

“O Camiño do viño” naceu no ano 2019 como unha marca da Ruta do Viño do Ribeiro que aspiraba a ser un paraugas que acubillase toda a promoción do Ribeiro como destino enoturístico. O obxectivo principal desta marca consiste na aposta decidida por potenciar o territorio do Ribeiro e revitalizar esta comarca vitivinícola histórica. Para iso ponse en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.

A materialización desta marca foi posible nos seus inicios grazas á colaboración institucional entre A Ruta do Viño, O Consello Regulador, A deputación Provincial de Ourense e o Xeodestino O Ribeiro-Carballiño.

A estratexia promocional para o ano 2022

Dentro das accións de promoción programadas para o ano 2022 pola Asociación Ruta do Viño do Ribeiro está previsto facer presentacións deste documental nas principais cidades de Galicia así como nos concellos que abrangue o territorio demarcado desta asociación.

Nas vindeiras semanas desenvolverase unha acción inversa con periodistas de prestixio nacional especializados no eido do turismo, grazas á axuda económica do Inorde.

Asemade a mediados do mes de maio celebrarase a edición anual da Xornada De Portas Abertas con financiamento da Axencia Turismo de Galicia.