Entrega de premios do VIII Campionato de Sumillería ‘Suso Domínguez’

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, poñe ao Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra como un exemplo “da calidade das ensinanzas de FP que se imparten en Galicia, neste caso concreto no que atinxe á formación no eido da restauración”. Así o sinalou con motivo da final do VIII Campionato de Sumillería Suso Domínguez, que cada ano organiza o centro en homenaxe ao falecido profesor e xefe de estudos que lle da nome ao certame. 

Román Rodríguez aproveitou para felicitar aos premiados así como a todos os participantes neste certame no que nesta ocasión contou coa presenza de centros de hostalaría de Asturias (o CIFP de Hostalería e Turismo de Xixón), de Euskadi (o CIFP Gamarra) e de Portugal (de Viana, de Porto e de Coímbra) e dos sete centros que xunto co CIFP Oroza forman parte da rede de centros de hostalaría de Galicia. A edición deste ano -centrada na sidra e cuxa proba final consistiu nun escanciado- contou co apoio dos tres consellos reguladores da sidra (asturiano, vasco e galego).

José Ignacio Ordóñez Barbero, estudiante do CIFP Hostelería y Turismo de Gijón, proclamóuse gañador da octava edición do Campionato de Sumillería. En segundo lugar quedou Natalia Fernández Rey, alumna do CIFP Paseo das Pontes (A Coruña),  e no terceiro Marcos Fernández Veloso, do IES Vilamarín (Ourense).

Conexión co mundo empresarial

Na súa intervención, o titular do departamento educativo da Xunta subliñou a importancia de iniciativas coma este certame “para visualizar a calidade formativa dos alumnos que saen dos nosos centros de FP e conectalos co mundo empresarial”. 

Nesta liña destacou que os “éxitos” da Formación Profesional galega veñen avalados por “altísimas taxas de inserción laboral”, que acadan un 85% de media, porcentaxe que se eleva na modalidade dual ata case o 97%. 

Reiterou, así mesmo, a aposta do Goberno galego por estas ensinanzas, que recibirán un novo impulso na próxima década a través da recen aprobada Estratexia Galega de FP 2030, cunha aposta pola innovación e a calidade cunha inxección de 900M€ ata 2024. 

Centro referente das ensinanzas de Hostalaría e turismo

O CIFP Carlos Oroza, no que estudan un total de 345 alumnos, conta cunha ampla oferta de estudios de distintas especialidades vinculadas á familia de Hostalaría e turismo, con dous ciclos de FP Dual (de Cociña e gastronomía e de Xestión de aloxamentos turísticos) e un curso de especialización en Panadaría e bolaría artesanal. 

Así mesmo, imparte os ciclos medios de Cociña e gastronomía, de Panadaría, repostaría e confeitaría e de Servizos en restauración; os ciclos superiores de Dirección de cociña, de Dirección de servicios de restauración, Guía información e asistencia turísticas e Xestión de aloxamentos turísticos, así como o ciclo básico de Cociña e restauración. 

O centro forma parte, ademais, da Rede galega de Formación Profesional de Hostalaría de Galicia, un espazo para a innovación e o intercambio de experiencias, de tal forma que favoreza o impulso dun sector que é clave para a economía de Galicia. A rede busca, neste sentido, dotar o sector de capital humano cualificado, como estratexia para acadar o liderado nacional e internacional.

A rede integra aos oito centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade desta especialidade formativa, en concreto os CIFPs Paseo das Pontes (A Coruña), Compostela (Santiago de Compostela), Carlos Oroza (Pontevedra) e Manuel Antonio (Vigo); ademais dos IES Fraga do Eume (Pontedeume), de Foz (Foz), Sanxillao (Lugo) e de Vilamarín (Vilamarín).