Castrelo de Miño acolle este domingo a primeira proba nacional de remo da tempada



O Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, acolle este domingo o XXII Campionato de España de Remo de longa distancia, a primeira proba nacional da tempada que se celebrará nestas instalacións, e que reunirá a 500 deportistas de 44 clubes procedentes de oito comunidades autónomas, sendo Galicia a máis numerosa en representación con 13 equipos, seguida de Cataluña con 7, e País Vasco e Valencia con 6.

Ao longo deste ano están previstas case unha vintena de probas autonómicas, nacionais e internacionais, entre estas últimas un evento destacado como a Coupe de la Jeunesse, do 5 ao 7 de agosto, unha das probas de remo máis prestixiosas do mundo que cada ano reúne a centos de deportistas procedentes de 16 países europeos, co que iso supón tamén para o turismo e a promoción do destino.