Axudas para a transformación e á comercialización de produtos agrarios


A Xunta convocará este ano un total de 30 millóns de euros en axudas destinadas á transformación e á comercialización de produtos agrarios, o que supón un 15% de incremento con respecto ao consignado na última convocatoria. Así o manifestou o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros nunha charla informativa en Mondoñedo na que deu conta desta orde de achegas que se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia.

No encontro, que tivo lugar no auditorio municipal mindoniense, JoséBalseiros puxo de relevo que estas axudas perseguen que se creen novas industrias agroalimentarias ou mellorar as xa existentes na nosa comunidade. Cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), as achegas teñen carácter plurianual ao estar destinadas á realización de grandes obras.