Axudas a infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración


A Xunta investirá este ano 2 millóns de euros na orde de axudas para financiar melloras nas infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, publicada xa no Diario Oficial de Galicia.  

Así o explicou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita ao hotel La Noyesa do Grove, un dos 168 negocios beneficiarios o ano pasado ao abeiro destas axudas, 69 deles na provincia de Pontevedra. En concreto, este hotel percibiu unha axuda de 39.600 euros para a reforma integral da súa segunda planta. 

Alfonso Rueda, indicou que estas axudas permitirán renovar e modernizar as instalacións dos establecementos turísticos de aloxamento -locais hoteleiros, campamentos de turismo, casas de turismo rural, apartamentos e albergues turísticos- e negocios de restauración co obxectivo de consolidar unha oferta turística de calidade e competitiva. 

A resolución recolle un importe máximo por solicitude de ata 50.000 euros que se pode destinar a actuacións como accións para mellorar a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, obras nas instalacións para obter certificacións de calidade como a Q de calidade turística ou para que o establecemento suba de categoría, a renovación e a modernización do local xunto co embelecemento da contorna, a adquisición de equipamentos mobles necesarios para o seu funcionamento, medidas de aforro enerxético con actuacións na climatización ou nos sistema de extracción e renovación de aire, avances na dixitalización dos sistemas de comercialización e a adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos. 

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes desde mañá de forma telemática a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal/chave365 

Alfonso Rueda tamén precisou que con axudas coma estas, a Xunta contribúe a consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación do modelo de turismo galego. 

Plan Camiña 

Dende a Xunta darase continuidade ao apoio prestado ao turismo galego para paliar o impacto da covid, que o ano pasado supuxo un investimento de máis de 120 millóns de euros, entre os 90 millóns do Plan de Rescate á hostalería e 35,7 millóns de euros do plan de choque  para o reforzo do sector turístico. 

Por iso, neste 2022 o Goberno galego incrementará o orzamento ata os 46,6 millóns do   Plan Camiña, posto en marcha co obxectivo de seguir reactivando o sector con achegas directas para a adaptación dos seus negocios aos estándares de calidade que demanda o turismo do século XXI e para animar aos galegos a consumir na rede hoteleira e hostaleira da nosa comunidade. Ademais dos 21,6 millóns específicos para as empresas do sector -para a mellora dos establecementos turísticos, o incremento da calidade, a aceleración de iniciativas turísticas e a formación e profesionalización do persoal-, o Plan Camiña destina 21,7 millóns a entidades locais e outros 3,3 millóns máis para iniciativas encadradas no turismo de familia, para estratexias postas en marcha polas universidades galegas e para entidades sen ánimo de lucro.