Axudas as infraestruturas turísticas cara a consolidación do turismo nas zonas rurais

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria de axudas a concellos da ata 10.000 habitantes para actuacións de mellora de infraestruturas turísticas, que forman parte do Plan Camiña da Xunta. O Goberno galego aposta con estas subvencións polo fomento da recuperación, da accesibilidade e da sinalización dos recursos turísticos destes municipios co obxectivo de consolidar a oferta turística destas zonas a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística. 

A Xunta destinará a esta convocatoria un orzamento de 1 millóns de euros para levar a cabo as actuacións de embelecemento e posta en valor dos recursos turísticos cun importe máximo por solicitude de 30.000 euros. 

Entre as actuacións subvencionables inclúense actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos con proxectos relacionados coa recuperación e o tratamento paisaxístico da contorna dos recursos turísticos; a súa iluminación ornamental; a recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou roteiros, así como a adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes. 

A orde tamén abarca a financiación do embelecemento dos bens declarados de interese cultural (BIC) ou cun procedemento de declaración xa iniciado a través do embelecemento de vías, o ocultamento de contenedores de residuos ou a eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións. Ademais, serán subvencionables outras iniciativas de posta en valor turístico dos recursos como a súa rehabilitación ou restauración para destinalos a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas e a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional. 

A maiores, a través da convocatoria poderase colaborar cos concellos solicitantes en melloras de accesibilidade aos recursos turísticos eliminando as barreiras arquitectónicas e a súa sinalización. 

As solicitudes deberán presentarse desde mañá e no prazo dun mes de forma electrónica a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal. 

Esta orde de axudas forma parte do Plan Camiña, co que o Goberno galego continuará a apoiar a reactivación do turismo galego aproveitando a oportunidade deste Ano Santo Dobre. Xunto con medidas encamiñadas a apoiar ás entidades locais coma esta convocatoria, a Xunta manterá o seu compromiso coas empresas turísticas para que melloren os seus establecementos e incrementen a súa calidade e a formación do seu persoal. O Plan Camiña tamén inclúe medidas coas que fomentar o turismo familiar e destinadas ás universidades galegas e ás entidades sen ánimo de lucro.