A Xunta propón ao MAPA un prima de 4 céntimos en litro de leite



A Xunta de Galicia proporá ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) que active para toda España -tal e como xa fixo o Goberno italiano- unha prima de emerxencia estable de ata catro céntimos por litro de leite, co fin de paliar as dificultades que están a atravesar os gandeiros polo incremento dos custos de produción. Así o avanzouo conselleiro do Medio Rural, José González, antes de reunirse con representantes das organizacións profesionais agrarias, asociacións e cooperativas para avaliar a situación do sector lácteo e avanzar na adopción de medidas encamiñadas a superar as dificultades polas que atravesa este eido, debidas en gran medida ao incremento constante dos custos de produción. Nas próximas semanas, avanzou, manterase outro encontro para analizar a situación do sector da carne.

Nesta liña, o conselleiro explicou que esta “solución italiana” baséase en acadar un acordo entre a distribución, a industria e os gandeiros para establecer a devandita prima, cun tope de 41 céntimos por litro -excluíndo primas por calidades e IVE- ao longo de 2022. Segundo José González, trátase dunha medida excepcional, para facer fronte ao incremento dos custos.

Canto a este incremento, o titular de Medio Rural apuntou que se vén constatando unha suba de custos de produción superior ao 10% que repercute en 4 céntimos no litro de leite e en 75 céntimos no caso do quilo de carne. Deste xeito, engadiu, queda acreditada unha venda a perdas xeneralizada, nun contexto internacional de encarecemento das materias primas e de insumos como a luz, o combustible e os fertilizantes, entre outros.