A Feira do Butelo da Fonsagrada recupera o seu formato habitual


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, presentaron no Pazo de San Marcos a XXV Feira do Butelo da Fonsagrada, que se celebrará esta fin de semana, o 19 e o 20 de febreiro, neste concello da Montaña Lucense. A institución provincial colabora coa celebración desta cita gastronómica cunha achega de 6.000 euros do Plan Único de Cooperación cos Concellos.

No acto de presentación tamén participaron a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o concelleiro  de Obras e Urbanismo, Seguridade, Tráfico e Desenvolvemento Industrial da Fonsagrada, Argelio González Queipo; e o xerente do restaurante Cantábrico, José Lombardía. 

Tomé Roca destacou que esta 25 edición da cita será “significativa, moi especial, porque se celebran as Vodas de Prata, pero tamén porque se recupera o seu formato de sempre, o formato presencial, logo de que o ano pasado se fixese unha versión dixital con motivo da pandemia”. Avanzou que está convencido de que “A Fonsagrada volverá acoller a milleiros de persoas para celebrar a Feira do Butelo e para degustar este produto de tanta calidade e tan exquisito, que é un emblema do bo facer do noso sector primario”. 

Nas súas palabras eloxiou a todas as persoas que traballan para facer posible o butelo, como son os gandeiros e gandeiras, as empresas cárnicas, as distribuidoras e á hostalería do municipio e da comarca da Montaña. “Son empresas que crean emprego e que crean oportunidades no rural, que lle dan vida no presente e que apostan polo seu desenvolvemento no futuro”, subliñou. Lembrou, así mesmo, que a Deputación é un importante apoio para o tecido empresarial da provincia, e que dende o inicio da pandemia se reforzou con importantes medidas que se puxeron en marcha baixo o paraugas do Plan de Impulso da Economía da Provincia. “Fixémolo porque son as pemes e os autónomos os que manteñen a actividade económica no rural, os que aportan unha importante porcentaxe ao PIB da provincia e, sobre todo, os que resultan imprescindibles para manter o equilibrio territorial”.

O butelo, un estímulo para economía local 

Tomé Roca destacou que se trata dunha cita que serve para a “promoción e o estímulo dun produto local que é fundamental para dinamizar a comarca e o rural lucense”, e que nestes tempos de pandemia, dixo, “debemos aproveitar para que o mundo mire máis cara o rural como exemplo de vida saudable e de produción sostible”.

A Feira do Butelo, declarada de Interese Turístico Galego, destaca por ser “unha cita imprescindible para os veciños e veciñas de Lugo, pero tamén para persoas chegadas doutros territorios de Galicia e mesmo de Asturias”, detallou o mandatario provincial. “A gastronomía e o turismo cambian constantemente, por iso é necesario facer o que está facendo o Concello da Fonsagrada: atopar novas formas de poñer en valor aquelo que sempre estivo con nós”, salientou. 

A Deputación de Lugo achega ao Concello da Fonsagrada 444.285,24€ a través do Plan Único deste ano 2022 para desenvolver distintas actuacións e mellora de infraestruturas, como a Feira do Butelo, para manter e aumentar os servizos e infraestruturas e crear emprego, entre outras.

Programa da Feira do Butelo 2022

A carpa que acollerá a Feira do Butelo, instalada na Praza do Concello, abrirá  este sábado e domingo, de 10:00 a 20:00 horas con 70 postos e 8.000 quilos de butelo. O sábado, ás 12.30 horas, terá lugar a inauguración e unha posterior visita ás instalacións. O domingo, ás 12.30 horas, actuará o grupo de música tradicional Illa Pancha, ás 13:00 horas, será a entrega da distinción Butelo de Ouro, que este ano recae en María del Carmen Asunción Gómez Álvarez e Miguel Ángel Martínez Martínez; e ás 13:30 horas terá lugar actuación da Asociación Cultural Antaruxas e Sorteiros.

Sábado, 19 de febreiro

10:00 horas: Apertura da Carpa

12:30 horas: Inauguración oficial

20:00 horas: Peche da carpa


Domingo, 20 de febreiro

10:00 horas: Apertura da Carpa

12:00 horas: Recepción de personalidades

12:30 horas: Actuación do grupo de Música Tradicional Illa Pancha

13:00 horas: Entrega da Distinción “Butelo de Ouro” no Salón de Plenos do Concello

13:30 horas: Actuación da A.C. “Antaruxas e Sorteiros”

20:00 horas: Peche da carpa