32 establecementos celebran dende hoxe as VII Lacónicas

O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo, prepárase para facer gozar un ano máis das tradicionais lacoadas a coruñeses e visitantes coas VII Lacónicas - Xornadas gastronómicas do Lacón con Grelos.

Estas xornadas celebraranse desde este xoves 10 de febreiro ao 6 de marzo en 32 restaurantes e locais hostaleiros con prezos que van dos 17 aos 30€ e que inclúen a tradicional sopa, a lacoada e as sobremesas con filloas, orellas ou rosquillas ademais da bebida.

Ademais, os distintos establecementos ofrecen opcións para grupos que dependerán das restricións sanitarias de cada momento, opcións para persoas celíacas para as que se contou coa colaboración da Asociación de Celíacos de Galicia, opcións para levar e tamén posibilidade de entrega a domicilio. Todos os locais participantes, características e menús poden consultarse no folleto das Xornadas.

As Xornadas Lacónicas son xa unhas xornadas distintas e singulares dentro da programación habitual de eventos gastronómicos do Consorcio de Turismo da Coruña, nas que se busca exaltar un produto clásico da cociña tradicional galega no marco dunha festa tan querida polas coruñesas e coruñeses como é o Entroido.

Obradoiros

Tamén, nesta edición das Lacónicas, volverán a celebrarse os showcookings e obradoiros infantís, polo que o vindeiro sábado 19 de febreiro haberá un obradoiro no Mercado de Santo Agostiño que levará por nome "Optimización do cocido. Trash-cooking, aproveitamento e responsabilidade" e correrá a cargo do chef Pablo Pizarro. O obradoiro será de balde para adultos con ata 30 prazas e requerirá inscrición previa.

A maiores o sábado 26 de febreiro no Mercado da Praza de Lugo celebraranse dous obradoiros infantís gratuítos para cativos de 5 a 10 anos con 15 prazas por obradoiro e que terán como requisito que os participantes acudan disfrazados. Esa xornada tamén terá degustación gratuíta de filloas e orellas e a música da comparsa popular 'Monte Alto a 100'.

Ademais, dentro da política de sustentabilidade do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, as Xornadas Lacónicas Lacónicas contan coa colaboración de Hostelería #PorElClima, o proxecto que impulsa a acción contra o cambio climático no sector da hostalería apoiado por Coca-Cola e Hostelería de España.

O folleto destas VII Lacónicas con toda a información sobre os obradoiros, establecementos e menús participantes está dispoñible na web turismocoruna.com