12 BIC van ser rehabilitados no marco do Plan Xacobeo Next Generation


O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou as Torres de Oeste de Catoira, un dos 12 Bens de Interese Cultural (BIC) que se van a rehabilitar a través dos 22,7 millóns de euros que Galicia recibirá no marco do Plan Xacobeo Next Generation. Entre os 300.000 euros investidos neste monumento e as contías para outros 6 BiC na provincia de Pontevedra -o arquipélago de Sálvora, a illa de Ons, o Cárcere Vello de Tui, a Casa Museo Valle-Inclán de Vilanova de Arousa, o Castelo de Santa Cruz de A Guarda e a Ribeira do Lérez- suman 4,5 millóns de euros. 

Ademais, a provincia beneficiarase de 2,6 millóns de euros dirixidos á promoción da Ruta Xacobea Mar de Arousa e río Ulla -unha das Accións de Cohesión en Destino promovidas pola Xunta- e de 8,1 millóns de euros para 4 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino promovidos por entidades locais, todas elas de Pontevedra: os concellos de Vilagarcía de Arousa e Oia, a Mancomunidade do Salnés e a Deputación de Pontevedra. En total, trátase de 15,2 millóns de euros destinados á provincia pontevedresa, case o 40% dos 39,2 millóns de euros que Galicia xestionará ao abeiro do Plan Xacobeo Next Generation. 

Cómpre aclarar que no caso da rehabilitación dos BICs, a maiores dos monumentos da provincia de Pontevedra tamén figuran o castelo de Monterrei, o conxunto histórico-artístico de Mondoñedo, o parque do Pasatempo de Betanzos, a Torre de Hércules da Coruña e a paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

No acto de hoxe presentouse o proxecto para rehabilitar as Torres de Oeste de Catoira, onde se actuará coa rehabilitación da capela de Santiago, a mellora do acceso ao recinto, a instalación dun centro de adaptación ao público, a ampliación e a mellora dos peiraos e da iluminación, xunto coa reparación de equipamentos e traballos na contorna. Á visita tamén asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López. 

En canto ás Accións de Cohesión en Destino promovidas polo Goberno galego co obxectivo de reforzar Galicia como destino seguro, contarán cun investimento de máis de 8,3 millóns de euros. Xunto cos 2,6 millóns de euros dirixidos á promoción da Traslatio ou Ruta Xacobea Mar de Arousa e Río Ulla para captar novos turistas e peregrinos, destinaranse outros 5,7 millóns de euros a fomentar Galicia como destino de cicloturismo empregando as rutas xacobeas e a Rede Eurovelo e o Camiño de Santiago seguro en familia. 

Por tanto, entre os 22,7 millóns que se investirán na rehabilitación de 12 BICS da comunidade, os 8,3 millóns nas 2 ACD promovidas pola Xunta e os 8,1 millóns dos 4 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino de entidades locais, Galicia contará con 39,2 millóns de euros de fondos europeos cos que consolidar a recuperación turística da comunidade e aproveitando a celebración deste Ano Santo Dobre. 

Nesta liña, Alfonso Rueda destacou que os fondos europeos supoñen unha oportunidade histórica para dar a coñecer o Xacobeo 21-22 e lembrou a aposta da Xunta na organización deste evento internacional con máis de 171 millóns de euros investidos entre 2021 e este 2022. 

Ademais, incidiu en que o Ano Santo será o motor da recuperación económica, polo que avogou por continuar o camiño iniciado o ano pasado, no que Galicia estivo de moda e liderou a recuperación turística de España grazas ao reforzo da comunidade como destino seguro co apoio ao sector, medidas pioneiras como o bono turístico ou o seguro coronavirus ou a promoción con campañas como Camiña a Galicia.