Viña Costeira presentou o proxecto de dixitalización 'LIBATIO'



A bodega Viña Costeira acolleu o acto de presentación e difusión pública dos primeiros resultados acadados no marco do proxecto LIBATIO. Este proxecto, liderado pola adega de Ribadavia xunto a tres PEMES galegas, persegue a introdución dun novo produto no mercado que leve a transformación dixital ao sector vitivinícola. Trátase do desenvolvemento dunha plataforma web completa que permitirá a monitorización en tempo real da etapa de maduración do viño mediante sensores para controlar o estado do viño almacenado nos depósitos de aceiro, así coma dispositivos de sensorización ambiental para o control da sala de envellecemento.

Outro dos obxectivos do plan é a simulación da fase de fermentación do viño, proporcionando así unha predición sobre a evolución dos substratos involucrados no aroma e sabor do produto e o control da temperatura de fermentación que minimice o gasto enerxético derivado do arrefriamento.
LIBATIO permitirá, polo tanto, dixitalizar dúas das fases principais da cadea de valor da elaboración do viño, que actualmente apenas contan con tecnoloxía dixital, a diferencia doutras fases como a colleita ou o embotellado.

O plan de dixitalización, galardoado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), pertencente á Xunta de Galicia, cunha subvención de case 400.000€ a través do programa de financiación Conecta Hubs 2021, foi concedido a un consorcio de catro empresas galegas: Viña Costeira (cooperativa bodegueira de recoñecido presitixio), SC Robotics (deseñadores de solucións IoT), Nigal (empresa de análise de datos mediante intelixencia artificial) e Indominus AS (especialistas en xestión e desenvolvemento de proxectos de innovación e enxeñería computacional).