Remata a rodaxe do filme Sica, con localizacións na Costa da Morte

O Cemiterio dos Ingleses, no concello de Camariñas, foi o escenario dunha das últimas sesións de rodaxe do filme Sica, que se desenvolve desde primeiros de decembro en diferentes localizacións da Costa da Morte. O equipo da película recibiu alí a visita do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen coñeceu de primeira man o proceso de filmación desta coprodución galego-catalá, para a que a compañía Miramemira conta cunha axuda da Xunta de máis de 250.000 euros a través da última convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego.

Esta liña de axudas enmárcase no traballo que realiza a Consellería de Cultura, Educación e Universidade por impulsar o audiovisual galego a través de diferentes liñas de actuación. Así, xunto a esta liña de subvencións, a Xunta apoia de xeito estable e habitual ao sector a través de axudas de impulso ao talento, desenvolvemento de proxectos e comercialización e difusión de obras audiovisuais, así como con apoio aos festivais e salas de cinema, esta última convocada por primeira vez en 2021 e á que se lle dará continuidade en 2022. 

A esta planificación súmanse as novas iniciativas para o impulso do sector a través do  Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, un programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas que suporá un investimento de 9,6 millóns de euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. 

Debuts interpretativos

A empresa galega, responsable da exitosa O que arde, do director Oliver Laxe, traballa nesta ocasión coa produtora Alba Sotorra para levar ás pantallas a que será a primeira longametraxe de ficción da realizadora catalá Carla Subirana, de recoñecida traxectoria no ámbito do documental. Fano xunto a un sólido equipo técnico, do que forman parte destacados profesionais do sector, mentres que para a faceta interpretativa se levou a cabo un exhaustivo casting entre actores non profesionais da Costa da Morte.

Neste proceso seleccionouse, por exemplo, a Thais García, unha rapaza de 13 anos de Cabana de Bergantiños que encarna a Sica, a protagonista do filme, filla dun mariñeiro que desaparece no naufraxio do seu barco. A historia desenvólvese mentres a cativa agarda a que o mar devolva o corpo do pai, período durante o que o seu único apoio será un rapaz da zona ao que alcuman O Cazatormentas, interpretado por Marco Antonio Florido Añón.

O responsable de Industrias Culturais da Xunta tivo a oportunidade de intercambiar impresións coa directora e con parte do seu equipo durante a súa visita ao set de rodaxe, na que estivo acompañado por Andrea Vázquez, de Miramemira, e por Alba Sotorra, así como por representantes da Televisión de Galicia, tamén implicada neste proxecto.

Camariñas, Ponteceso, Laxe ou Malpica foron algúns dos municipios da comarca que acolleron esta filmación, para a que Carla Subirana elixiu a Costa da Morte tras percorrer en 2016 o Camiño dos Faros. Seguindo a súa metodoloxía como documentalista, nos anos posteriores foi ampliando o seu coñecemento da zona e dos seus habitantes, a partir do que creou unha historia que aborda a transformación dunha forma de vida tradicionalmente vinculada ao mar, a ameaza dos fenómenos meteorolóxicos extremos e os efectos negativos da acción humana na natureza.