Pontevedra posicionarase en Fitur 2022 como capital española do turismo verde, gastronómico e deportivo


Pontevedra, que acaba de recibir un impulso de tres millóns de euros de fondos europeos para o desenvolvemento do seu Plan de Sostibilidade Turística e o fomento do Xacobeo, pretende consolidarse na Feira Internacional Fitur 2022 como capital española do turismo verde, gastronómico e deportivo. Estes tres produtos turísticos de enorme peso e potencial no noso territorio serán precisamente os protagonistas da campaña que Turismo de Pontevedra exhibirá no Ifema o venres 21 de xaneiro, nunha presentación que terá lugar ás 12:30 horas no Stand de Turismo de Galicia (pavillón 9) e que incluirá a proxección dun vídeo promocional que se dará a coñecer esta mesma semana baixo o slogan ‘Non todo vai ser sufrir!’ e o hashtag #VenaPontevedra.

A proposta foi presentada na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Turismo, Yoya Blanco; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes.

A edil socialista asegurou que, coincidindo coa chegada do AVE á nosa comunidade e desta choiva de subvencións Next Generation acadados co Goberno de Pedro Sánchez, “este será o gran ano de coroación de Pontevedra como xeodestino estrela de España”. Tal e como avanzou Blanco, entre outos potenciais, “a cidade exhibirá un ‘músculo’ sen predecentes na súa ambición de consolidarse como esa Pontevedra Capital Gastro que tomou forma ao longo de 2020 e 2021, con eventos e iniciativas tan exitosos como a Festa das Cunchas, a Batalla das Cunchas, o Avoa Fest, o Desafío Filloa, o Premio Gastronómico Loureiro de Ouro e o laboratorio e acelerador de proxectos Gastro Lab”.

“Xa acadamos o máis importante para arrincar este proxecto, que foi o entusiasmo e implicación do sector, coa creación dese ‘all star’ de chefs locais que conforma a Banda Cociñas de Pontevedra e con padriños e madriñas de excepción, como o noso estrela Michelin Iñaki Bretal, o ‘masterchef’ Carlos Maldonado (primeiro cociñeiro saído deste programa en acadar unha Estrela Michelin) ou a investigadora e experta do Basque Culinary Center Eva Ballarín, e pronto daremos o seguinte paso: queremos converternos en Capital Española da Gastronomía 2023 (título baixo o mecenado da Federación Española de Xornalistas e Escritores de Turismo, Turespaña, Hostelería de España, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Instituto para a Calidade Turística e Organización Mundial do Turismo)… Imos presentar oficialmente unha candidatura gañadora e nos vindeiros días teremos máis e boas novas ao respecto”, adiantou Yoya Blanco.

A campaña de Turismo de Pontevedra tamén fará fincapé no exponencial atractivo de Pontevedra como capital de grandes eventos deportivos nacionais e internacionais, pechando 2021 cun broche de ouro como a elección da nosa cidade como sede da final das Series Mundiais de Tríatlon en 2023. Tino Fernández lembrou que, á marxe de acoller “xa de xeito habitual competicións de carácter estatal en disciplinas como o piragüismo, a axenda deportiva de Pontevedra encheuse nos últimos anos de eventos como o Campionato do Mundo Júnior de Balonmán de 2019 ou os Mundiais de Loita e de Grappling que se celebrarán este ano e en 2024” e que o tenente de alcalde trouxo consigo na súa viaxe a Serbia da man das federacións galega e española.

“Estamos a traballar noutros eventos, como a organización dun Campionato de Europa de Ciclocross en 2023 ou 2024 e podemos afirmar que poucas cidades das nosas características dispoñen dun Centro de Tecnificación Deportiva cunha ratio semellante de medallas olímpicas”, apuntou Fernández, salientando que “nunca antes en Pontevedra se potenciara o turismo deste xeito tan decidido e transversal”.

Vencellado a ese modelo de cidade que convida a degustar, a pasear e facer deporte e actividade física saudable ao aire libre, estará outro dos elementos turísticos que se exhibirán en Fitur e que converten a Pontevedra nun dos xeodestinos máis excepcionais da Península Ibérica: a súa cantidade de espazos verdes e, sobre todo, a súa calidade. Neste sentido, Yoya Blanco indicou que “en base a un estudio elaborado por el Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal) e publicado pola revista científica The Lancet, no que se analiza a situación de 1.000 grandes cidades europeas (98 delas españolas), Pontevedra é a segunda urbe máis verde de toda España, acadando un índice NDVI (indicador que mide como de verde é unha cidade) de 0.637 puntos sobre un máximo de 1”. “A situación de Pontevedra ao fondo da ría e na desembocadura dos ríos Lérez, Rons e Gafos permite gozar dun contorno natural absolutamente privilexiado, cunha combinación perfecta de paisaxes de costa e montaña e unha importante diversidade. Para desfrutar da natureza non é preciso afastarse demasiado do centro urbano -afirmou Blanco-, xa que contamos cun ENIL (Espazo Natural de Interese Local) na Xunqueira de Alba e nos últimos anos fomos quen de recuperar as marxes do Lérez, o Rons e o Gafos como lugares de lecer e esparexemento dotados de sendas fluviais belísimas”.

O traballo realizado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, está a ser fundamental para mellor a riqueza e valor ecolóxico destes contornos naturais, coa eliminación de eucaliptos e outras especies non alóctonas e invasoras e a plantación de árbores de ribeira, co conseguinte incremento da superficie de frondosas autóctonas.

Todo isto supuxo a xeración dun importante anel verde na cidade, con varios parques forestais periurbanos e unha oferta de sendeirismo moi ampla, que se verá incrementada cunha rede que comunicará as parroquias do noroeste do municipio (Santa María de Xeve, Santo André e Verducido) entre si e coas beiras do Lérez, Bora e o embalse do Pontillón do Castro, e sobre todo, dándolle continuidade á Vía Verde do Salnés entre Portas e o concello de Pontevedra.

Iván Puentes subliñou que “todos estes elementos de turismo verde, gastronómico e de actividade física ao aire libre son abarcados de xeito transversal polo Plan de Sostibilidade Turística de Pontevedra, que, ao recibir unha inxección de dous millóns de euros dos fondos europeos Next Generation, fará posible un salto de calidade sen precedentes”. Dito Plan recolle precisamente partidas económicas concretas para a continuación da Vía Verde do Salnés (576.888 €); un programa de iluminación de espazos naturais e a conexión da cidade cos parques forestais (418.562 €); accións de márketing dixital e redes sociais, a creación dunha app e a implantación de realidade aumentada e sinalización (200.000 €); a posta en marcha dun Observatorio Turístico (72.975 €); a consolidación da marca Pontevedra Capital Gastro (421.575 €); a formación do sector turístico e o deseño do noso plan de destino (100.000 €); o funcionamento do ente xestor (150.000 €), e o desenvolvemento de fam trips, blog trips e feiras virtuais.

A esta subvención hai que engadirlle outra dun millón de euros, que forma parte dunha liña aprobada polo Consello de Ministros para priorizar os investimentos relacionados co Camiño de Santiago e potenciar a importancia do Xacobeo na imaxe turística de Galicia e de España. No caso concreto de Pontevedra, esta axuda irá destinada a acometer o plan de restauración ambiental do Ben de Interese Cultural (BIC) que discorre pola ribeira do río Lérez, desde a zona das Xunqueiras ata As Aceñas (incluíndo a Illa das Esculturas).

“Agardemos que a cousa non quede aí, xa que a Concellería de Desenvolvemento Sostible está tamén pendente dunha subvención de case cinco millóns de euros por parte da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dos que arredor de dous millóns irían para un proxecto tan importante como o destape do primeiro treito urbano do río dos Gafos, un millón para a mellora ecolóxica Recinto Feiral e outras cifras importantes para a restauración ambiental da marisma da Xunqueira de Alba e os parques situados nos antigos terreos de Tafisa e o edificio administrativo da Xunta, así como o deseño dunhaEstratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climáticoe a creación dunha cuberta verde no Pazo da Cultura”, sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.