O proxecto CROu contará cun orzamento de preto de 260.000 dos fondos Next Generation


O proxecto de dixitalización e sustentabilidade do comercio rural (CROu) deseñado pola Deputación de Ourense vén de obter a máxima puntuación de toda España na convocatoria dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Un plan que involucra a 18 concellos da provincia e que aposta pola actividade comercial en zonas de reto demográfico, facilitando o acceso a novos canais de comercialización e procurando un papel activo dos empresarios do sector na educación dixital dos seus clientes, que na meirande parte dos casos son persoas de avanzada idade.

O proxecto CROu contará cun orzamento de preto de 260.000 euros cofinanciados nun 70 % polos fondos europeos e comezará a executarse en febreiro, estendéndose ao longo deste ano. Aplicarase en concellos das comarcas de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea); Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoán de Río); e Viana (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). As máis de 400 actividades comerciais nestes 18 concellos (Datos do IGE de 2019) poderán beneficiarse dunha ou varias accións previstas no programa.