O Museo de Pontevedra acolle a exposición ‘Camiños’


O Museo de Pontevedra vén de abrir no claustro do Edificio Sarmiento a décimo primeira edición de ‘Camiños’, unha mostra colectiva e multidisciplinar promovida pola Asociación do Camiño Portugués a Santiago que reúne a visión de máis dunha trintena de artistas, creadoras e creadores de Galicia e Portugal sobre un fenómeno de carácter internacional como é a peregrinación a Santiago de Compostela.

Na inauguración desta tarde estiveron presentes o director do Museo de Pontevedra Xosé Manuel Rey, o comisario da Exposición Celestino Lores; a secretaria territorial da Xunta en Pontevedra Marta Iglesias, e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. O acto comezou co interpretación dunha canción a capela a cargo da cantante Begoña Lorenzo, á que seguiu unha exhibición de danza de Glau Fonseca, que fixo unha intervención no primeiro andar e continuou a bailar fóra do edificio. Recitaron poesía Ana Corzo, Carmen Quinteiro e Minerva, e César Loureiro interpretou varias pezas musicais cunha zanfoña.

Segundo explicou o director do Museo. ‘Camiños. O Camiño e as Artes’ é unha exposición que deixa patente un dos principais valores das rutas xacobeas máis alá da súa innegable dimensión espiritual: “A cohesión entre culturas, por riba das fronteiras xeográficas e políticas, constitúe sen lugar a dúbidas unha das súas maiores riquezas”, dixo.

Subliñou que fotografía, pintura, poesía, danza, artesanía e escultura conforman unha proposta que lembra a través de distintas miradas, a transcendencia dun itinerario secular herdeiro de calzadas e vías antigas como a que vertebraba a Gallaecia e que transcorría por esta cidade dende o país veciño.