'Non todo vai ser sufrir! O video que Turismo de Pontevedra presentará en FITUR

Turismo de Pontevedra presentará o vindeiro venres 21 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo Fitur 2022 un fermoso e divertido vídeo promocional protagonizado por eses tesouros únicos que converten á nosa cidade en capital española do turismo verde, deportivo e gastronómico e cuxa mensaxe define á perfección a filosofía de vida dos pontevedreses: 'Non todo vai ser sufrir!'. Un slogan que, como salienta a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, "cobra aínda máis forza neste crucial momento, no que comezamos a albiscar o final da pandemia, e no que a campaña de Visit Pontevedra convida a tódolos que desexen deixar atrás os malos momentos e desfrutar da vida a repetirse un simple hashtag, #VenaPontevedra".

O vídeo promocional xa pode desfrutarse na páxina principal da web www.visit-pontevedra.com e na canle de Youtube de Turismo de Pontevedra:

https://www.youtube.com/watch?v=BbTEfn56E88&t=4s 

Esta peza audiovisual será un dos eixos da presentación que realizarán no Pavillón de Galicia a propia Blanco e o seu compañeiro Iván Puentes, concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, e na que se exporán algunhas das importantes accións que se executarán grazas aos tres millóns de euros procedentes de fondos europeos para o desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística de Pontevedra e o fomento do Xacobeo. Un 'maná' de axudas Next Generation acadado co Goberno de Pedro Sánchez que permitirá cumprir as ambicións da nosa cidade de coroarse como xeodestino estrela de España.

Unha das principais apostas da concelleira de Turismo é a de consolidar a marca Pontevedra Capital Gastro, que tomou forma ao longo de 2020 e 2021 con eventos e iniciativas tan exitosos como a Festa das Cunchas, a Batalla das Cunchas, o Avoa Fest, o Desafío Filloa, o Premio Gastronómico Loureiro de Ouro e o laboratorio e acelerador de proxectos Gastro Lab. Neste sentido, o proxecto, que conta co respaldo dese 'all star' de chefs locais conformado pola Banda Cociñas de Pontevedra e de padriños e madriñas de primeiro nivel como os Estrela Michelin Iñaki Bretal e Carlos Maldonado e a investigadora e docente do Basque Culinary Center Eva Ballarín, vén de dar un salto crucial, ao seren confirmada oficialmente por carta a súa candidatura a Capital Española da Gastronomía 2023 (título baixo o mecenado da Federación Española de Xornalistas e Escritores de Turismo, Turespaña, Hostelería de España, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Instituto para a Calidade Turística e Organización Mundial do Turismo).

Sede da gran final das Series Mundiais de Tríatlon

A campaña de Turismo de Pontevedra tamén fará fincapé no exponencial atractivo de Pontevedra como capital de grandes eventos deportivos nacionais e internacionais, pechando 2021 cun broche de ouro como a elección da nosa cidade como sede da final das Series Mundiais de Tríatlon en 2023. Á marxe de acoller xa de xeito habitual competicións de carácter estatal en disciplinas como o piragüismo, a axenda deportiva de Pontevedra encheuse nos últimos anos de eventos como o Campionato do Mundo Júnior de Balonmán de 2019 ou os Mundiais de Loita e de Grappling que se celebrarán este ano e en 2024, así como o Campionato de Europa de Ciclocross en 2023 ou 2024.

Vencellado a ese modelo de cidade que convida a degustar, a pasear e facer deporte e actividade física saudable ao aire libre, estará outro dos elementos turísticos que se exhibirán en Fitur e que converten a Pontevedra nun dos xeodestinos máis excepcionais da Península Ibérica: a súa cantidade de espazos verdes e, sobre todo, a súa calidade. Así, en base a un estudio elaborado polo Instituto de Salud Global de Barcelona (ISGlobal) e publicado pola revista científica The Lancet, no que se analiza a situación de 1.000 grandes cidades europeas (98 delas españolas), Pontevedra é a segunda urbe máis verde de toda España, acadando un índice NDVI (indicador que mide como de verde é unha cidade) de 0.637 puntos sobre un máximo de 1. A situación de Pontevedra ao fondo da ría e na desembocadura dos ríos Lérez, Rons e Gafos permite gozar dun contorno natural absolutamente privilexiado, cunha combinación perfecta de paisaxes de costa e montaña e unha importante diversidade. Para desfrutar da natureza non é preciso afastarse demasiado do centro urbano, xa que contamos cun ENIL (Espazo Natural de Interese Local) na Xunqueira de Alba e nos últimos anos fomos quen de recuperar as marxes do Lérez, o Rons e o Gafos como lugares de lecer e esparexemento dotados de sendas fluviais belísimas.

O traballo realizado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural está a ser fundamental para mellorar a riqueza e valor ecolóxico destes contornos naturais, coa eliminación de eucaliptos e outras especies non alóctonas e invasoras e a plantación de árbores de ribeira, co conseguinte incremento da superficie de frondosas autóctonas. Todo isto supuxo a xeración dun importante anel verde na cidade, con varios parques forestais periurbanos e unha oferta de sendeirismo moi ampla, que se verá incrementada cunha rede que comunicará as parroquias do noroeste do municipio (Santa María de Xeve, Santo André e Verducido) entre si e coas beiras do Lérez,  Bora e o embalse do Pontillón do Castro, e sobre todo, dándolle continuidade á Vía Verde do Salnés entre Portas e o concello de Pontevedra.

Plan de Sostibilidade Turística

Todos estes elementos de turismo verde, gastronómico e de actividade física ao aire libre son abarcados de xeito transversal polo Plan de Sostibilidade Turística de Pontevedra, que, ao recibir unha inxección de dous millóns de euros dos fondos europeos Next Generation, fará posible un salto de calidade sen precedentes. Dito Plan recolle precisamente partidas económicas concretas para a continuación da Vía Verde do Salnés (576.888 €); un programa de iluminación de espazos naturais e a conexión da cidade cos parques forestais (418.562 €); accións de márketing dixital e redes sociais, a creación dunha app e a implantación de realidade aumentada e sinalización (200.000 €); a posta en marcha dun Observatorio Turístico (72.975 €); a consolidación da marca Pontevedra Capital Gastro (421.575 €); a formación do sector turístico e o deseño do noso plan de destino (100.000 €); o funcionamento do ente xestor (150.000 €), e o desenvolvemento de fam trips, blog trips e feiras virtuais.

A esta subvención hai que engadirlle outra dun millón de euros, que forma parte dunha liña aprobada polo Consello de Ministros para priorizar os investimentos relacionados co Camiño de Santiago e potenciar a importancia do Xacobeo na imaxe turística de Galicia e de España. No caso concreto de Pontevedra, esta axuda irá destinada a acometer o plan de restauración ambiental do Ben de Interese Cultural (BIC) que discorre pola ribeira do río Lérez, desde a zona das Xunqueiras ata As Aceñas (incluíndo a Illa das Esculturas).

Asemade, a Concellería de Desenvolvemento Sostible está tamén pendente dunha subvención de case cinco millóns de euros por parte da Fundación Biodiversidade, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, dos que arredor de dous millóns irían para un proxecto tan importante como o destape do primeiro treito urbano do río dos Gafos, un millón para a mellora ecolóxica Recinto Feiral e outras cifras importantes para a restauración ambiental da marisma da Xunqueira de Alba e os parques situados nos antigos terreos de Tafisa e o edificio administrativo da Xunta, así como o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático e a creación dunha cuberta verde no Pazo da Cultura.