Neste mes de xaneiro comezará a rexeneración ambiental da Xunqueira de Alba en Pontevedra


Ao longo deste mes de xaneiro está previsto que comece a actuación de restauración ambiental da Xunqueira de Alba en Pontevedra. Trátase dun proxecto que levará a cabo a Deputación de Pontevedra enmarcado na aposta do goberno provincial polo respecto ao medio ambiente, a recuperación dos espazos ecolóxicos e a economía circular.

Os traballos serán executados por Tragsa como medio propio da institución provincial e contan cun orzamento de máis 3,6 millóns de euros de fondos propios da Deputación. Comezarán coa construción do novo Parque de Maquinaria no Polígono de Barro a partir de xaneiro, cun prazo de execución de oito meses.

En paralelo demoleranse as edificacións e instalacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta, situadas na actualidade na xunqueira pontevedresa, incluíndo a retirada e xestión de residuos. As demolicións teñen un prazo de tres meses.

Finalmente chegará a restauración ambiental deste ámbito para o que se prevén dous meses máis. "Falamos de entre 12 e 14 meses de traballos, polo que agardamos que a inicios de 2023 estea xa construído o novo Parque de Maquinaria en Barro, feito o traslado e restaurada a Xunqueira de Alba", asegurou a presidenta Carmela Silva, que compareceu acompañada do vicepresidente, César Mosquera.

O principal obxectivo da actuación medioambiental que emprende a Deputación con este proxecto é o de transformar o espazo nunha gran zona verde aberta, cun novo sendeiro peonil que comunicará coa senda fluvial do Rons. Para elo tamén se dotará ao lugar de iluminación pública e mobiliario urbano que permitirá configurar unha nova zona de lecer e desfrute da veciñanza.