Nado acolle a presentación da guía gastonómica 'A Cociña do noroeste"



área de Turismo, nos actos paralelos da Deputación en Fitur, presentou a guía gastonómica 'A Cociña do noroeste' cun showcooking a cargo de cociñeiros da Asociación Coruña Cociña

A cita, que tivo lugar no restaurante NaDo do cociñeiro coruñés Iván Domínguez, estivo conducido polo actor e humorista Manuel Burque e contou coa asistencia de xornalistas do ámbito do turismo e viaxes, e de representantes insticionais de diferentes puntos da provincia


"Traemos a Madrid algo que vai máis aló do produto gastronómico, porque a estas alturas xa sabemos que o produto galego ten unha calidade incontestable, e o que queremos é dar un paso máis e converter a cociña nunha experiencia turística de alto nivel", asegurou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, esta tarde no restaurante NaDo de Madrid. O vicepresidente foi o encargado de dar a benvida a todos os asistentes ao showcooking que o ente provincial organizou para promover a gastronomía do territorio da man de cociñeiros da Asociación Coruña Cociña.

O showcooking, que tiña como fío condutor a guía gastronómica 'A mesa do noroeste. Un percorrido pola provincia a través da súa gastronomía', completou todas as prazas dispoñibles no restaurante Nado, do cociñeiro coruñés Iván Domínguez, cun público conformado por medios especializados en turismo, viaxes e gastronomía, e por representantes institucionais dos concellos da comarca de Ortegal, Arousa- Barbanza, CEMAT, Reserva da Biosfera, Consorcio de Turismo da Coruña e de Turismo de Galicia. Tamén asistiron a deputada provincial, María Muíño, e os deputados Antonio Leira e José Manuel Pequeño.

Na elaboración dos pratos que se ofreceron na degustación participaron os cociñeiros Iván Domínguez, Javier Freijeiro, Moncho Bargo, Antonio Amenedo e Pablo Pizarro. "Neste momento, temos a sorte de contar cun elenco de cociñeiros e cociñeiras que están facendo unha cociña con carácter, que bebe da tradición pero que a transforma nunha oferta de alta cociña" asegurou o vicepresidente. 

Neste sentido, Xosé Regueira indicou que "no ranking das estrelas Michelin cada vez hai máis referencias galegas e máis referencias da provincia da Coruña, polo que podemos considerar a gastronomía do noso territorio como un produto turístico de alto nivel".