· Lugo, provincia de cine´ utilizará a fiestra de Turespaña para presentarse ao mundo


O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentará a nova campaña de turismo da institución provincial, Lugo, provincia de cine, o vindeiro xoves 20 de xaneiro no stand de Turespaña na Feira Internacional de Turismo (Fitur). Así o anunciou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen subliñou ao respecto que a institución provincial reforza deste xeito a proxección da provincia. “Ter un espazo no expositor de Turismo de España, coa presenza de operadores nacionais e internacionais, é unha oportunidade moi boa que amplía claramente a proxección da provincia e consolida a nosa capacidade para seguir competindo con éxito no mercado turístico de primeiro nivel”, asegurou.

Foi o propio Presidente o que acordou a participación da Deputación de Lugo no expositor de Turespaña en Fitur durante a reunión que mantivo esta semana co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, na que ademais falaron sobre iniciativas de interese para seguir impulsando o potencial turístico da provincia de Lugo de maneira sostible.

Coa campaña que presentará na Feira Internacional de Turismo, Lugo, provincia de cine, a institución busca fomentar as visitas turísticas vinculadas aos escenarios de producións audiovisuais rodadas na provincia, como O que arde, Dhogs, Live is Life ou O sabor das margaridas, entre moitas outras. O obxectivo é dobre. Por unha banda, seguir dinamizando a actividade turística no rural en zonas cun grande valor paisaxístico, cultural e etnográfico, que non sempre figuran nas rutas máis convencionais. E, por outra banda, continuar apoiando á industria audiovisual, como xeradora de emprego e de cultura, dentro da política de apoio ó sector desenvolvida pola Deputación.

Para García Porto, “o modelo de turismo sostible, de calidade, desestacionalizado e en contacto coa natureza que impulsa a Deputación está a dar froitos moi positivos, mesmo en tempos de pandemia. O turismo é unha ferramenta para deseñar o futuro do rural, creando emprego de calidade. Se o combinamos coa actividade económica que xeran as rodaxes e coa proxección do territorio que supón a presencia de Lugo nas salas de cine e plataformas audiovisuais internacionais, penso que acadaremos un efecto multiplicador moi relevante”.

A Deputada de Turismo explicou que a institución comunicou onte á Xunta de Galicia que non estará no stand de Turgalicia, unha decisión que adoptou debido á “imposición de condicións inaceptables” por parte da Administración galega, “ao entrometerse e condicionar a organización dun acto que preside e do que só é responsable a institución provincial.