`Love Rías Baixas´ é o lema da promoción da Deputación de Pontevedra en Fitur

"Love Rías Baixas, unha historia de amor coa provincia de Pontevedra". Con este lema "apaixonante e emocional", reinventando a icona turística recoñecida en todo o mundo do corazón, "I love", pero coas cores que identifican os nosos valores e o noso potencial, a Deputación de Pontevedra desembarcará o vindeiro xoves na Feira Internacional de Turismo, FITUR. A presidenta Carmela Silva asegurou que "imos a Fitur "a tope, con paixón, a defender o noso destino, a traballar, a preocuparnos do sector turístico desta provincia que permite que teñamos os mellores datos turísticos de Galicia. Imos a por todas, a contar unha historia de amor coa provincia de Pontevedra, a provincia inabarcable".


O novo audiovisual de Rías Baixas e a campaña de promoción será tan "rompedora, vangardista, dinámica, emocionante e diferente como a nosa presentación", que terá lugar o xoves a partir das 4 da tarde no Auditorio do stand de TURESPAÑA á que asistirán a Ministra de Turismo, o Secretario de Estado e o Director de FITUR. 

O evento será retransmitido en streaming pola propia organización de TURESPAÑA, que tamén anunciou que difundirá a campaña de Pontevedra Provincia nas consejerías de Turismo no exterior, "un salto cualitativo moi relevante", apuntou Carmela Silva, porque falamos de destinos internacionais como Abu Dhabi, Os Ánxeles, Berlín, Bélxica, Bos Aires, Cantón (China), Chicago, Cidade de México, Copenhague, Dublín, Estocolmo, A Haia, Helsinqui, Lisboa, Miami, Milán, Moscova, Bombai, Múnic, Nova York, Oslo, París, Pequín, Roma, Sao Paulo, Singapur, Tokio, Toronto, Varsovia, Viena, Zúric, Frankfurt e Londres.