HGg&T 234 : Caminos de transversalidad y una "ollada" sostible (Especial Fitur)


Este apéndice do Xacobeo 21 que é o Xacobeo 22 bríndanos unha oportunidade insospeitada, unha consecuencia que apuntar no haber deste drama en dúas dimensións e miles de actos tráxicos argumentados pola pandemia Covid. Como é ben sabido, a “prórroga” do Ano Xubilar 2021 derívase do intento de paliar as súas consecuencias económicas e sociais con outros doce meses de centralidade para este recurso de primeira orde nos territorios que asoman aos Camiños. Así os feitos e o seu calendario, a Feira Internacional de Turismo -segundo evento sectorial do mundo- volve a datas habituais en xaneiro, posto que en 2021 foi atrasada ata o final da primavera, de forma que o magno evento recupera a súa condición de lanzadeira de recursos e produtos turísticos para o resto do ano.

Non obstante, ante a reactivación das preocupacións e os efectos pola variante Ómicrom, dende o consello editorial de HGg&T optamos por redobrar cautelas, non só as propias e aconsellables para a protección da saúde individual e a salvagarda da colectiva freando a expansión do virus, senón tamén operativas no que respecta á edición que ten nas súas mans.

O risco certo de que un contaxio puidera afectar decisivamente á produción, edición e distribución da nosa tirada levounos á decisión de adiantar en máis dunha semana a recepción de materiais editoriais, de forma que botarán en falta algunhas mensaxes habituais da revista, e ben que o sentimos, que puideran ter aparecido en todos os exemplares, e por tanto tamén neses 3.000 que, como en anos precedentes, presentaremos e se visualizarán entre os participantes en Fitur22. 

Tratábase de asegurar o planificado e chegado a tempo, ou xogárnola no risco de esperar a última hora, e non chegar a tempo. Optamos, a maior respecto de cumpridores, polo seguro. O bo preferible ao mellor. E aquí teñen propostas en clave do mellor do mellor.