Dous meses máis para visitar a exposición en homenaxe a Antonio Palacios

A Xunta prolonga dous meses a exposición en homenaxe a Antonio Palacios instalada no Museo do Mar de Galicia. Así se acordou na recente xuntanza do Padroado deste centro museístico, presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. Aberta ao público o pasado novembro coa previsión de manter a mostra ata finais de xaneiro, tras o acordo adoptado permanecerá ata o 31 de marzo dada a gran acollida do público.

A decisión responde ao éxito de visitas rexistradas desde a súa apertura, con máis de 4000. Comisariada polo catedrático da Universidade de Santiago, Jesús Ángel Sánchez García, a exposición reúne máis de 200 pezas, algunhas nunca antes expostas. Entre elas, cómpre destacar a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, elaborada por alumnado do IES Politécnico desta cidade.

A través de tres ámbitos, Arquitecturas para a modernidade, Os apoios na tradición e na historia, e A construción dunha identidade, o público pode achegarse tanto á produción arquitectónica como ás inquedanzas artísticas e ás iniciativas culturais de Antonio Palacios na súa traxectoria vital entre Galicia e Madrid. A iniciativa enmárcase no programa de actividades impulsado pola Xunta con motivo do Ano Palacios.

Outra das cuestións abordadas na xuntanza do Padroado foi a celebración en 2022 do 20 aniversario do Museo do Mar. Nesta liña acordouse traballar nunha programación conmemorativa que contribúa á divulgación da institución, dos seus fondos e das numerosas actividades que promove para todos os públicos. Así, haberá propostas para escolares, familias, visitas guiadas e unha ampla oferta cultural con concertos, documentais e presentacións de libros, entre outras alternativas.

Ademais, analizouse o balance de 2021, no que a elevada actividade do centro supuxo un importante incremento de visitantes con respecto ao ano anterior, ao pasar de 21.219 a preto de 31.000. O maior aumento rexistrouse no verán, período no que houbo a maior afluencia de turismo nacional. Deste xeito, durante os meses de xullo, agosto e setembro duplicouse o número de visitas con respecto a 2020, ao pasar de 6385 a 11.535.