Certificación `Km 0' para os comedores dos CEFA


A Consellería do Medio Rural comezará o vindeiro mes de febreiro o proceso de certificación “Comedor Km 0” dos centros de formación e experimentación agroforestal (CFEA) ligados a este departamento. Trátase dos CFEA deLourizán, de Sergude, de Becerreá e Pedro Murias (Ribadeo), integrados todos eles na Axencia Galega da Calidade Alimentaria, que depende da devandita Consellería.

Este recoñecemento busca poñer en valor as boas praxes sobre aprovisionamento e manexo do alimento que se veñen facendo nos comedores destes centros, pero sen esquecer a marxe de mellora que poidan presentar.Polo tanto, o labor a desenvolverpasará pola introdución de posibles correccións que se poidan levar a cabo en cada comedor, atendendo ás súas necesidades individuais e proporcionando as ferramentas precisas para corrixir as carencias atopadas.

Este procedemento dará comezo coa auditoría dos catro centros. O obxectivo é acadar, polo menos, un abastecemento dun 65% de produtos de proximidade que proveñan, dentro do posible, de canles curtas de comercialización. A intención é que nos comedores dos centros de formación agraria se consuman alimentos de produtores da contorna.

Así, búscase traballar en coherencia cos fundamentos que se están a ensinar nos propios centros de formación, no sentido de valorar a produción alimentaria galega e implementar a súa filosofía de desenvolvemento sostible.