Catálogo dixital sobre zanfonas históricas de Galiza

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon a disposición de persoas investigadoras, mestres artesáns e músicos o Catálogo de Zanfonas Históricas de Galiza. O arquivo dixital facilita o acceso interactivo a información  sobre 25 instrumentos datados entre os séculos XVIII e XX e conservados por museos e institucións, colectivos culturais e coleccionistas privados:  o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, o Museo de Pontevedra, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Belas Artes da Coruña,  o Museo Massó de Bueu, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, a Fundación Santamarina Temes de Ourense, a Escola de Artes e Oficios de Vigo, o Coro Galego Cántigas da Terra, o Real Coro Toxos e Froles, a familia Santalices Muñiz (Pontevedra) e a familia Fuciños Gómez (Melide)

O catálogo ofrece unha galería de imaxes, un visor de 360 graos interactivo e arquivos métricos en formato .jpg e .dwg de cada un dos instrumentos, ademais de documentación sobre a súa procedencia e historia organolóxica.

Segundo  expón o director da Colección de Instrumentos Musicais, Obxectos Sonoros e Arquivo Documental do Centrad  e responsable deste arquivo dixital, Luciano Pérez, “o catálogo ofrece a posibilidade de tomar algunhas medidas básicas sen necesidade de acceder directamente aos intrumentos, evitando, por outra parte, o inevitable deterioro”. Ademais, incide, “este formato permite actualizar os contidos cada vez que teñamos infomacións relevantes”.

O arquivo, dispoñible nesta ligazón, recolle parte do traballo desenvolvido e exposto no I Encontro Celme de Zanfona, organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo o pasado mes de setembro, coa participación de persoas investigadoras, mestres artesáns, docentes e músicos.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, sinala que “con este catálogo dixital documentamos o coñecemento xenerado e compartido durante ese encontro e ofrecemos unha ferramenta útil para a investigación e a formación arredor deste instrumento milenario, avanzando no obxectivo de proxectar Lugo e o Centro de Artesanía e Deseño, nun espazo de referencia a nivel europeo”.

O responsábel provincial fai fincapé na necesidade de “aproveitar e reivindicar a traxectoria investigadora e formativa que se desenvolveu arredor do Obradoiro de Instrumentos do Centro de Artesanía e Deseño e o nivel de excelencia acadado por músicos e mestres artesáns das comarcas de Lugo”.

Cinco das zanfonas incluídas no Catálogo forman parte da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, exposta de forma permanente no Centro de Artesanía e Deseño. Ademais das visitas presenciais, a colección conta cun espazo na web onde se ofrecen visitas virtuais ademais dun arquivo documental con abondoso material descargable.

En Galiza, a zanfona está intimamente ligada ao obradoiro-escola de instrumentos musicais, creado na Deputación de Lugo no ano 1951 por iniciativa de Antonio Fernández. Os seus primeiros directores, Faustino Santalíces e Paulino Pérez, foron os artífices da súa recuperación na que, tamén, tivo un papel destacado o musicólogo Fernando López Acuña.  Arredor do obradoiro, agora integrado no Centrad, desenvolveuse unha intensa actividade relacionada co patrimonio musical galego, e especialmente coa zanfona.

Nesa traxectoria destacan a construción das primeiras zanfonas en dúas tonalidades diferenciadas, na etapa de transición, 1975-1978, da man de Antón Corral e Jesús e Luciano Pérez; os primeiros cursos de construción e interpretación, de acceso gratuíto, coa participación de mestres internacionais como Claude Flagel, Christian Rault, Laurent Tixert ou Valentín Clastrier; a posta en marcha, no 1983, da Escola de gaitas e zanfonas, no propio contorno doPazo de San Marcos; reconstrucións históricas como: o organistro medieval, as cinfonías das Cantigas de Alfonso X, a zanfona-órgano e copias de modelos tradicionais únicos e Innovacións como o sistema de roda desmontable ou o deseño dun novo modelo evolucionado, no ano 1997, co fin de impulsar e popularizar o seu uso e que significou un importante impulso favorecendo a creación de escolas para a aprendizaxe.