Carballo, finalista do prestixioso Premio Ciudad Sostenible


O Concello de Carballo, finalista do prestixioso Premio Ciudad Sostenible. Deste xeito a capital bergantiñán convértese no segundo concello máis sostible do Estado, entre os preto de 500 aspirantes. O xurado valorou moi positivamente o proxecto “De Carballo limpo a Carballo sostible”, un plan de acción de mellora sostible con obxectivos como a mellora da mobilidade, a participación cidadá, a limpeza e a xestión de residuos mediante un sistema de integración laboral de persoas con discapacidade intelectual e cunha folla de ruta que permita no ano 2030 conseguir que Carballo sexa un concello autosuficiente e consecuente coa economía circular.

O premio á cidade máis sostible correspondeu a Málaga polo proxecto “Málaga ciudad sostenible”, que inclúe máis de 70 accións realizadas nos últimos anos para posicionar ao municipio andaluz como un referente en sustentabilidade.

Os premios corresponden á convocatoria do ano 2019, pero o acto non puido celebrarse antes por mor da COVID-19. No evento, celebrado na sede do ministerio, participaron Hugo Morán, secretario de Estado de Medio Ambiente; Ramón Roca, presidente da Fundación Fórum Ambiental, e Begoña de Beita, directora de Relacións Externas de Ecoembes, xunto con representantes dos concellos distinguidos.

Foi o concelleiro Luis Lamas o encargado de distintivo outorgado ao Concello de Carballo como finalista do prestixioso Premio Ciudad Sostenible, que organiza dende hai 18 anos a Fundación Fórum Ambiental, co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e a colaboración de Ecoembes, como recoñecemento aos concellos de todo o Estado que apostan por proxectos e actuacións dirixidas a fomentar a sustentabilidade.