Axudas para a recuperación sostible dos municipios



O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria para este ano do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), a través do que a Xunta colabora cos concellos galegos para financiar os investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio ambiente e do espazo natural.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou nunha visita en Vedra, xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que o orzamento da nova orde acada os 11,3 millóns de euros e, un ano máis, converterase nunha ferramenta fundamental para contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios da comunidade.

Cómpre aclarar que das dúas liñas do fondo, as subvencións de natureza non competitiva van dirixidas aos concellos galegos cuxo territorio estea dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico cunha asignación en función do número de xeradores, mentres que a de natureza competitiva destínanse aos que presenten as solicitudes de forma individual ou conxunta, así como as mancomunidades de concellos e os consorcios locais.

Con estas axudas, a Xunta apoiará aos concellos en actuacións orientadas á conservación da biodiversidade e á protección do medio ambiente e do espazo natural con campañas divulgativas e plans ambientais, proxectos de eficiencia enerxética no alumeado público e nas instalacións e edificios municipais, así como coa adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética. Tamén se financiará a compra de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, xunto con actuacións de protección do ambiente e dirixidas a evitar a degradación e deterioración ambiental, a acadar unha mellor integración paisaxística na contorna, que permitan levar a cabo un maior control ambiental ou iniciativas en infraestruturas municipais dirixidas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais.

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes desde mañá e de forma telemática na sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

Alfonso Rueda lembrou que desde a posta en marcha do fondo en 2010 para distribuír os ingresos do canon eólico, a Xunta investiu máis de 108 millóns de euros para levar a cabo máis de 2.300 proxectos nas entidades locais, 248 deles mediante a convocatoria do ano pasado.

En concreto, 131 entidades locais beneficiáronse da liña en concorrencia competitiva do fondo e sobre todo para proxectos relacionados coa contratación de persoal e a dotación de maquinaria e vehículos para protexer e evitar a degradación do medio ambiente. Por outra parte, un total de 117 concellos foron os destinatarios da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental.

Proxecto conservación ambiental Vedra e Boqueixón

Entre as actuacións financiadas o ano pasado destaca o proxecto de conservación ambiental ao que optaron de forma conxunta os concellos de Vedra e Boqueixón para a adquisición do equipamento necesario co obxectivo de que os servizos municipais encargados da protección e da conservación do medio ambiente puidesen levar a cabo o seu traballo.

O vicepresidente primeiro da Xunta incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos con axudas como o Fondo de Compensación Ambiental ou a Orde de Infraestruturas de uso público, que no caso de Vedra supuxeron nos últimos anos un investimento de máis de 445.700 euros e en Boqueixón máis de 380.100 euros.