Axudas ao fomento de razas autóctonas galegas


O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que convocan as axudas para o fomento das razas autóctonas galegas neste ano 2022. Desta forma, o departamento que dirixe José González mantén o seu compromiso coa conservación destas razas, apostando pola súa protección e defensa.

A liña de achegas, que conta cun orzamento de 200.000 euros, ten como finalidade aumentar a rendibilidade das explotacións gandeiras galegas e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, xa que as razas autóctonas son un claro exemplo de recurso xenético fundamental na preservación de ecosistemas e pastos.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega.