A volta ciclista O Gran Camiño será o punto de partida do Xacobeo 22

A Xunta aposta pola volta ciclista O Gran Camiño como punto de partida da gran peregrinación a Galicia, xa que ao celebrarse entre o 24 e o 27 de febreiro será o primeiro evento do ano de impacto internacional da man do Xacobeo.

A Xunta apoia a celebración da carreira ciclista na que a organización promoverá a marca Galicia como destino seguro e o Xacobeo 21-22. Na presentación da volta ciclista na Cidade da Cultura, participaron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete. 

Alfonso Rueda indicou que “deporte e turismo unidos dan como resultado beneficios moi importantes para a economía galega”, e máis tendo en conta que o evento deportivo vaise celebrar en temporada baixa, polo que será o punto de partida “do Xacobeo pleno que Galicia merece”. Nesta liña, amosou a súa satisfacción pola recuperación dun evento que, como o Camiño de Santiago, “percorre todas as provincias galegas, realízase por etapas e defende os valores da perseveranza, a constancia e o esforzo para chegar á meta en Compostela”. Por iso, recalcou que supón un escaparate de primeiro nivel para o turismo e un factor de reactivación da ocupación hoteleira. 

O vicepresidente primeiro da Xunta recordou o acontecido o pasado verán con La Vuelta 2021, que resultou ser unha valiosa plataforma para dar a coñecer Galicia e o Xacobeo en todo o mundo, e vaticinou un éxito similar para O Gran Camiño, que pola súa repercusión amosará o Xacobeo como “unha fiestra que abre Galicia ao turismo internacional”. 

Tamén salientou a estreita relación do deporte co modelo de turismo que puxo de moda a Galicia, un turismo de calidade vencellado coa natureza, a paisaxe e as actividades ao aire libre. Indicou, ademais, que deporte e turismo “casan á perfección” coa marca Galicia. “No 2021 demostramos que Galicia era un destino seguro e no 2022 imos demostralo de novo”, asegurou.

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa destacou a íntima relación que une a Galicia co ciclismo e gabou o esforzo do deporte galego que tras superar dúas crises -a económica e a pandémica- segue a colleitar grandes éxitos. Parte destes éxitos son propiedade do ciclismo galego que nos últimos dous anos colocou a tres equipos no top 3 da clasificación nacional elite e sub23 ou que multiplicou por cinco as licenzas deportivas en Galicia, ata chegar ás 8.500 que temos hoxe. Neste sentido apuntou que agora é o momento adecuado para abordar grandes desafíos como O Gran Camiño e agradeceu á colaboración público-privada para sacar adiante proxectos de país coma este.

O apoio da Xunta a O Gran Camiño supón un paso máis na aposta do Goberno galego polo cicloturismo e polo seu potencial para a diferenciación da oferta turística galega, como demostrou coa creación das rutas BTT, a Rede Eurovelo, que coincide co itinerario do Camiño Francés e da Vía da Prata, ou a presentación o ano pasado da guía A paisaxe de Galicia desde a bicicleta, en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo. 

A aposta da Xunta pola volta ciclista a Galicia concretouse o pasado mes de novembro coa sinatura dun convenio entre o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o representante de EZE Mosquera Events, Ezequiel Mosquera, para o patrocinio do evento a través da Axencia Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte.