A Deputación e o Concello da Coruña renovan a súa colaboración para xestionar o Teatro Colón ata 2023


A Deputación da Coruña e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) do Concello da Coruña renovan o modelo de xestión conxunta do Teatro Colón para os vindeiros dous anos. O presidente Valentín González Formoso, a alcaldesa da Coruña e presidenta do IMCE, Inés Rey, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron o convenio de colaboración para manter este traballo conxunto no bienio 2022/2023.

Ambas as dúas institucións veñen colaborando desde o 2018 na xestión do teatro, que é propiedade da Deputación desde 1997, aínda que está integrado na rede pública de espazos culturais municipais.

A Deputación achega a través deste acordo unha cifra de 500.000 euros, dos que 350.000 serán dedicados a financiar os custos da programación e 150.000 ao mantemento das instalacións.