A Deputación de Pontevedra renova aposta polo sistema SICTED


A Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación dun novo contrato de servizos para a implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) no destino Rías Baixas Pontevedra Provincia. Este novo contrato, que conta cun orzamento de 237.160 euros e unha duración de 27 meses, permitirá á institución provincial seguir avanzando na implantación, consolidación e ampliación dos establecementos adheridos ao sistema de calidade do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE).

O SICTED na provincia está aliñado co Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023, que marca entre os seus obxectivos a mellora da competitividade do destino e contempla accións encamiñadas a espallar o compromiso coa calidade en eidos como a sostibilidade e a dixitalización. Ao abeiro deste servizo impartirase formación convencional, como idiomas ou atención ás e aos clientes, e tamén se sensibilizará e formará ao sector turístico en busca dunha provincia sostible e con servizos e prestacións innovadoras.