A Deputación de Pontevedra asistirá a FITUR nun Stand independente ao da Xunta

A Deputación de Pontevedra presentará o destino Rías Baixas nesta próxima edición da Feira Internacional de Turismo, FITUR, en Madrid, nun stand alleo a TurGalicia “para evitar a confrontación que a Xunta parece perseguir en na que xa lles anunciou que non nos van encontrar”. A presidenta, Carmela Silva, lamentou a imposición comunicada polo goberno galego á Deputación de ocupar as cinco cadeiras da primeira fila do stand na presentación da institución provincial, “o que nos causou enorme sorpresa por ser unha actitude inexplicable cando en todos os nosos actos en FITUR as e os protagonistas son os concellos amais do sector turístico da provincia. O obxectivo, dixo a responsable da Deputación,  é a promoción do destino, nós non imos facer política partidaria a Fitur, nin imos dar mitins políticos, nin pretendemos sentar nas primeiras filas a xente que probablemente podamos pensar que van ser candidatos nas seguintes eleccións municipais. A Deputación senta sempre a alcaldes e alcaldesas de todas as cores e ao sector, o Clúster, que ten un lugar predominante”. 

Carmela Silva cualificou de “moi triste a posición do goberno galego, unha posición que o sector non merece”, polo que anunciou que “para evitar a confrontación, situacións incómodas e por respecto ao sector presentaremos o destino Rías Baixas nun stand alleo ao da Xunta de Galicia, con toda a potencia,  as garantías e a relevancia que sempre tiveron as nosas presentacións”. A presidenta recalcou que “o debate do turismo en Galicia non pode ser o número de cadeiras que ocupan os políticos, é tristísimo e non imos entrar en semellante dislate. Que se persegue? , de que serve iso ao turismo? ”, preguntou. “Ninguén entende  que a Xunta estea a pelexar coa administración provincial , que co seu traballo está conquerindo que sexamos a gran referencia turística de Galicia, por cinco asentos na primeira fila”. 

Carmela Silva explicou que na comunicación recibida o 29 de decembro, ás 9.30 da maná, a Xunta informou que na presentación prevista para o día 20 de xaneiro, cun total de 37 asistentes por mor da Covid, ía ter os cinco asentos da primeira fila reservados e á disposición da administración autonómica. “Quedamos boquiabertos –sinalou a presidenta-. Nin coñecen a campaña, nin nos teñen preguntado, nin aportan un só euro á mesma, nin hai ningún tipo de colaboración. Levo reclamando moito tempo campañas compartidas e non foi posible. É intolerable, e un novo elemento de que a Xunta entende que aquelo que xestiona é o seu patrimonio, que son os donos da administración autonómica, cousa que non é certa. As administracións son do pobo, da xente”.

A Deputación remitiu unha carta á Xunta na que incidía en que non se entendía esta situación e que por suposto invitaba e propoñía sentar na primeira fila ao Conselleiro, á Directora de Turismo ou a aquela ou aquel representante no que delegara a Administración autonómica. Na xornada de hoxe recibiuse a contestación a esa misiva, na que se sinala que o stand é da Xunta “como propietaria e promotora e que polo tanto son eles os que deciden”. A presidenta provincial sinalou que “non comparto esta forma de entender a política, paréceme que é absolutamente un debate inútil. O espazo non é deles, non é de Feijoo, non é de Rueda porque non o pagan cos seus cartos. Págano cos cartos das galegas e dos galegos e a min paréceme que non ten sentido entrar  nestas confrontacións que non levan a ningún sitio pero estaremos en Fitur e imos estar ao grande, como estamos sempre”.

Carmela Silva anunciou que o próximo xoves informará de todos os detalles da presentación da Deputación en Fitur “na que este ano a provincia terá grandes noticias” e resaltou que moitas delas serán “de recoñecemento”. Como cada ano a institución provincial fará “unha potentísima campaña” e presentará un vídeo que “non vai a deixar a ninguén frío porque é marabilloso, está cheo de emocións, cunha mensaxe moi potente da importancia das persoas e o atractivo desta provincia. A campaña é diferente -comentou- vai a ser un pouco roqueira e manter esa liña que fala de experiencias, emocións, persoas, territorio... pero que vai a romper un pouco coas últimas campañas”.